EFE. O comité de empresa de Alcoa San Cibrao informou de que a multinacional xa está a traballar na elaboración do seu propio “plan de desescalada” para ir retirando as medidas adoptadas como consecuencia do coronavirus no que se refire á organización do traballo na factoría.
Na planta de San Cibrao, cuxo cadro de persoal está formado por máis de mil persoas, só deu positivo por Covid-19 un traballador, que xa recibiu a alta.
O comité tamén informou de que xa funcionan no complexo industrial cámaras termográficas para as empresas auxiliares e, en resposta á súa solicitude, valórase por parte da compañía a compra de termómetros a distancia para o persoal propio. Así mesmo, o servizo médico está “a valorar a elaboración dun protocolo cos criterios para realización dos tests do coronavirus” a todo o persoal.
APOIO AO COMERCIO LOCAL
Por outra banda, o comité pediulles aos traballadores da fábrica mediante un comunicado que “compren nos comercios da Mariña“, para axudar a este sector a capear a situación provocada polo estado de alarma.
O comité lembra que a Federación de Comercio da Mariña e o seu presidente José Carlos Paleo “viñeron realizando un gran esforzo de apoio a todas as medidas reivindicativas dos traballadores do complexo”. “É por iso que, desde o comité de empresa, pedimos aos traballadores -máis de 1.100 na fábrica de Alcoa San Cibrao- que compren nos comercios da Mariña”, engade o comité.