Sargadelos e obreiras despedidas, chamados a un acto de conciliación o día 28

A xa ex delegada de UXT na fábrica de Cervo, Rogelia Mariña, volverá ao traballo este venres

Interior da fábrica de Sargadelos. XUNTA DE GALICIA

A dirección de Sargadelos e alomenos catro obreiras das 23 que foron despedidas durante o conflito laboral entre a empresa e a delegada sindical da Unión Xeral de Traballadores (UXT) están citados ante o Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC) o venres 28 de setembro.

OBREIRAS CON ANTIGÜIDADE NA FIRMA

As traballadoras que participarán no acto de conciliación, recurso utilizado para resolver despedimentos improcedentes ou outros conflitos laborais sen chegar á vía xudicial, son obreiras con antigüidade na empresa e que, segundo asegurou ao longo destes días o propio conselleiro delegado, Segismundo García, a firma non se plantexa readmitir. A participación neste acto non exime de presentar unha demanda xudicial, se non hai acordo.

AS OPERARIAS CONVOCADAS ANTE O SMAC SON VETERANAS NA FÁBRICA E A EMPRESA NON QUERE READMITILAS

CINCO READMITIDAS ESTA SEMANA

Ao longo desta semana, Sargadelos readmitiu a cinco empregadas e anunciou que incorporaría a máis nos próximos días para facer fronte á carga de traballo.

MARIÑA, SUBSTITUÍDA

A empresa tentou aparentar normalidade trala decisión da asemblea de traballadoras que destituíu á xa ex delegada da UXT, Rogelia Mariña, sinalada polo accionista maioritario. A sindicalista foi revocada do cargo e será substituída por unha representante de Comisións Obreiras (CC OO), a día de hoxe único sindicato con representación na factoría.

A DIRECCIÓN APARENTA QUE O CONFLITO ESTÁ ZANXADO CON CINCO REINCORPORACIÓNS E A VOLTA DE MARIÑA AO TRABALLO

REINCORPÓRASE A EX DELEGADA DE UXT

Nesa pretensión da dirección de Sargadelos de representar que rematou o conflito laboral parece enmarcarse a decisión de chamar a Mariña para que se reincorpore ao traballo este venres. A empregada permanecía apartada da fábrica ao concederlle a firma, sen que a obreira o solicitase, un permiso retribuído de duración indefinida.

A UXT PREPARA A IMPUGNACIÓN DA ASEMBLEA

Malia que en apariencia rematou a tensión, o conflito laboral de Sargadelos está encallado. A UXT rexeita calquera achegamento á empresa e prepara xa a impugnación da asemblea, despois de recibir a acta este xoves.

UXT SEGUIRÁ POLA VÍA XUDICIAL E CC OO REITERA QUE TENTARÁ QUE HAXA NOVAS ELECCIÓNS SINDICAIS

CC OO: “PEDIREMOS A DEMISIÓN ÁS DELEGADAS”

Pola súa banda, Víctor Ledo, representante da área de Industria de CC OO, reiterou a intención do sindicato de falar coas súas tres delegadas para que dimitan e favorezan novas eleccións sindicais na factoría.

Por número de traballadoras, á fábrica de Cervo corresponderíalle elixir a cinco representantes, un comité de empresa do que carece na actualidade, ao celebrarse as últimas eleccións sindicais cando había case a metade de persoal. A decisión, en calquera caso, corresponderá ás sindicalistas e está sobre a mesa a impugnación da asemblea por UXT.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here