O Concello de Cervo acondicionou unha parte das Escolas Vellas de San Román para destinalas a lugar de ensaio das diferentes agrupación locais. Deste xeito, o primeiro grupo que utilizará as instalacións, que están dispoñibles para todos os colectivos locais que as soliciten, será a asociación de recente creación Fol de Raxal, cuxos membros xa teñen á súa disposición a chave dun dos locais habilitados para ensaio dos colectivos culturais cervenses que o desexen.
O rexedor, Alfonso Villares, a edil de Cultura, Dolores García Caramés, e a de Servizos Sociais, Pilar Armada, achégaronse ata as Escolas Vellas para amosarlles as instalacións e cederlles o local. Tamén lle agardeceron, no nome do Concello, a súa contribución ao enriquecemento cultural de Cervo. “Estamos desexando poder escoitarvos nalgunha das habituais foliadas que se celebran no municipio que estamos convencidos de que máis cedo que tarde se poderán ir retomando grazas á responsabilidade e ao esforzo conxunto”, apuntaron nun comunicado.
“Co acondicionamento das Escolas Vellas de Cervo–explicaron- acadamos un dobre obxectivo; brindarlle aos diferentes colectivos un espazo adecuado para o desenvolvemento da súa actividade e darlle unha nova vida a este edificio municipal tan emblemático con máis dun século de historia”.
A adecuación da vella escola de San Román foi inaugurada no ano 1915. O Goberno municipal lembrou que busca, na medida do posible, que os diferentes espazos municipais teñan a súa utilidade, poñéndoos, ao servizo da veciñanza.