O comité de Alcoa San Cibrao informou de que a reunión que tiña previsto manter este mércoles 2 de xuño co grupo británico Liberty, cuxa división de aluminio –Alvance– foi tamén a primeira empresa en mostrar publicamente o seu interese pola adquisición da factoría, quedou aprazada ata a próxima semana. Esa reunión producirase finalmente, segundo explicou a representación dos traballadores, o mércoles da próxima semana, día 9 de xuño.
Esta semana proseguen os actos reivindicativos por parte do comité de empresa e do cadro de persoal para demandar unha solución ao problema que arrastra a fábrica de aluminio primario de Alcoa desde fai un ano, cando a multinacional presentou o ERE para despedir a máis de 500 traballadores. Os empregados asistiron este luns ao pleno que se celebrou no Concello de Barreiros e este martes participarán a partir das 20:30 horas no de Cervo.