Tres praias da Mariña poderían contar con cables de alta tensión por un proxecto eólico

Os plans de Iberdrola poderían afectar os areais de Esteiro e Portocelo, en Xove, e a da Limosa, en Cervo.

Praia de Esteiro/Turismo de Galicia

Primeiro foron as montañas, despois poderían vir as praias. A explosión da chamada “avalancha eólica” en Galicia vén de levantar múltiples mostras de rexeitamento contra a instalación de aeroxeradores nas proximidades de vivendas e espazos protexidos. Porén, unha segunda veta deste proceso ameaza a contorna galega, segundo destacan dende o ecoloxismo: a eólica mariña.
O desenvolvemento da eólica mariña, non tan acelerado polo momento como a terrestre, podería deixar desfigurados asemade algúns dos puntos máis recoñecibles da costa galega. Canto menos esa é a conclusión que se destila da petición que Ecoloxistas en Acción vén de dirixir ao MITECO para que impida a instalación de liñas de evacuación de enerxía nas praias de Galicia.
A priori, a eólica mariña podería perfilarse como unha alternativa de menor impacto visual que a súa irmá terrestre: os muíños sitúanse no propio mar, en moitos casos a varios quilómetros da costa máis próxima. O problema está en que, para levar a terra esa electricidade, precísase construír unha liña de evacuación, que en dous casos recentemente denunciados por Ecoloxistas en Acción afectarían a praias da Mariña lucense. 
En particular, apuntan dende a plataforma, trátase dos proxectos do Parque Eólico Mariño San Brandán e de San Cibrao, ambos de Iberdrola; que poderían afectar ás praias de EsteiroPortocelo, e a Limosa. Todo mentres, destacan as mesmas fontes, na contorna hai zonas industriais xa “degradadas” a nivel ambiental, como “instalacións portuarias, embarcadeiros ou polígonos industriais”. Ecoloxistas en Acción demanda ao Ministerio para  Transición Ecolóxica e Reto Demográfico que “rexeite” os proxectos de eólica mariña que carrexen afectar a estas praias, xa que implican “un gran impacto ambiental”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here