O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, visitou este xoves en Cervo o polígono de Cuiña, ao que o Goberno galego apoia con varias liñas de axudas para as empresas e emprendedores e en busca da captación de novos investimentos.
A Administración, segundo informa a consellería, achega 240.000 euros –case o 76%– dos 317.000 euros que vai investir este ano o Concello para a construción de beirarrúas na marxe dereita da vía de acceso principal, con canalizacións para soterrar nun futuro a rede de iluminación pública e o saneamento.
Este investimento tamén prevé a instalación dunha cuberta para tarefas de clasificación e separación de residuos do mencionado polígono. En total, desde 2009, as axudas autonómicas concedidas a Cervo suman, segundo a Xunta, máis de 831.000 euros e supuxeron mobilizar máis de 1 millón de euros.