O club de natación lucense, Porta Miñá, que conta con máis de 60 nadadores e nadadoras, escolleu o Concello de Cervo polas facilidades que desde a administración se lle deron para o acceso ás súas instalacións, nas que se destaca a piscina de Lieiro, a única de dimensións olímpicas de toda a provincia de Lugo.
Ao longo de esta semana están a gozar das actividades e instalacións da zona co obxectivo de ter unha boa posta a punto para o inicio da súa tempada de competicións.
Para o alcalde Alfonso Villares “é un luxo poder contar con este tipo de instalacións, posto que non é sinxelo que un concello coma o noso haxa unha piscina olímpica. Por este motivo, desde o Concello de Cervo apostamos por dinamizar este complexo a través de diferentes iniciativas”. O rexedor engade tamén que “a piscina municipal xestiónase de forma directa, algo que segue as liñas do noso goberno, xa que tentamos que o maior número de servizos posibles sexan de xestión pública”.
Para o concelleiro de deportes, David Rodríguez, que “é un orgullo que clubs da talla do Club Natación Portamiñá se interesen polas nosas instalacións” e engade que “para nós é unha prioridade darlle vida á nosa piscina e fomentar o uso da nosas instalacións a través da organización de diferentes competicións, os nosos cursos de natación, bautismos de mergullo…” Agrega tamén que “é importante subliñar os esforzos que se fan desde o concello para que iniciativas como esta saian adiante, e máis tendo en conta a situación actual de pandemia coa que convivimos”.o