“Clamor na rúa” para inhabilitar ao xuíz que arquivou a denuncia da Maruxaina

A Plataforma Feminista de Lugo pide depoñer ao xuíz que non viu delito na gravación destas mulleres.

Protesta en San Cibrao polos vídeos da Maruxaina. CARLOS CASTRO/EP/GC

Unha das portavoces da Plataforma Feminista de Lugo, Ana Torrón, pediu que se “inhabilite” ao xuíz de Viveiro que se ratificou en arquivar a denuncia dun grupo de mulleres que foron gravadas en vídeo mentres ouriñaban durante a Maruxaina de 2019, e cuxas imaxes se subiron a páxinas web pornográficas, algunha delas de pago.

Nun auto emitido a comezos de setembro, o cal xa foi recorrido pola asociación Mulleres En Igualdade Burela ante a Audiencia Provincial de Lugo, o xuíz Pablo Muñoz Vázquez desestimou o recurso de reforma presentado polo colectivo contra o primeiro arquivo da causa, ditado por el mesmo a mediados de marzo. A Fiscalía xa anunciara en xuño a presentación de recurso de apelación ante a audiencia.

O xuíz de Viveiro considera no seu auto que as imaxes foron tomadas na vía pública e que só se podería xulgar pola vía civil e non penal. Torrón afirmou que “está claro que con esa sentenza se cubriu de gloria”. “Evidentemente a xustiza debería de traballar para que isto non quede en saco roto”, proclamou.

A activista lucense denunciou, sobre os xuíces, que “moito se lles enche a boca” ao dicir ás mulleres que “denuncien” pero “para que despois” sexan “humilladas outra vez nos xulgados”. “Isto é intolerable, estamos fartas de todas estas inxustizas, da agresividade dos xuíces e desa actitude machista que non vai a ningunha parte”, recriminou, antes de pedir que se inhabilite ao xuíz que instruíu o caso da Maruxaina.

“O que teñen que facer as instancias superiores é inhabilitalo, nós non temos o poder de facelo, pero está na rúa ese clamor”, asegurou. Ana Torrón remarcou que “isto ten que ter punto e final nalgún momento, porque isto é un espalle e un desenfreo total e absoluto”. “E así non se defenden os dereitos da metade da poboación”, rematou, a portavoz da Plataforma Feminista de Lugo.

O Observatorio pola Igualdade da Mariña sinala que a solución para acabar con este tipo de violencias “está nunha coeducación e educación afectivo-sexual feminista desde as idades máis temperás”, de cara a formar persoas con valores “nos que o respecto á integridade e intimidade da outra persoa sexan inviolables”. Tamén reclaman “mudar a xustiza patriarcal que non ten en conta que mulleres e homes estamos en sociedade en posicións diferenciadas, e que en consecuencia sufrimos violencias especificas só por ser mulleres”.

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here