O presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, demandou este mércores a “intervención” do Goberno central na planta de Alcoa en San Cibrao (Cervo) e da Xunta na factoría de Vestas en Viveiro.
Antes da presentación dun programa para empresas da provincia, Tomé subliñou que, desde o primeiro día, a institución provincial propuxo que “se era necesario facer unha intervención que salvase os postos de traballo e a empresa, había que facela” e deu a “benvida” á Xunta por mostrarse “recentemente” partidaria desa posible “intervención”.
En canto a Vestas, Tomé expresou “o total apoio” da institución provincial a “os traballadores, que están a reivindicar hoxe no Parlamento a defensa dos seus postos de traballo”.
Sobre este conflito, considerou que a Xunta “ten que dar o callo”. “Porque está moi ben criticar aos demais cando teoricamente non é da súa competencia”. “Van facer fotos pero non achegan nada, pero Vestas é cousa dela”, afeou.
Neste sentido, incidiu en que Vestas “non depende do Estado, senón da política industrial da Xunta de Galicia”. “A ver o que pon enriba da mesa, de momento non coñecemos absolutamente nada, non ten ningún proxecto industrial nin para Galicia, nin para Lugo, nin para A Mariña”, expresou.
Tomé volveu subliñar o seu “total apoio aos traballadores, e a defensa dos seus postos de traballo e das súas familias” e insistiu en demandar a Xunta que “poña enriba da mesa medidas para manter os postos de traballo e o tecido industrial da Mariña”.
Finalmente, interpelado si iso quere dicir que o Goberno ten que “intervir” en Alcoa e a Xunta en Vestas, replicaba que “evidentemente”. “Non podemos esixirlle ao Estado o que ti non fas no outro lado, que a Xunta se aplique o conto e aplique medidas”, concluíu o presidente da Deputación de Lugo.