Cervo destina 12.000 euros para transporte escolar a alumnado que estuda fóra do concello

As persoas beneficiarias deberán presentar a documentación requirida nas bases antes do 16 de novembro, no Rexistro Xeral da Casa do Concello. As bases estarán dispoñibles no Concello de Cervo e na Casa da Cultura. A contía a recibir será de 150 ou 250 euros en función da renda familiar

Consistorio de Cervo. AXM

O Concello de Cervo, a través da delegación de Educación, dispón dunha partida de 12.000 euros para as axudas ao transporte escolar daqueles alumnos que cursan estudios fóra do termo municipal; sempre que se trate de formación ou titulacións que non se impartan en ningún centro do termo municipal.

Os estudantes terán que cumprir os requisitos establecidos nas bases, dispoñibles na Casa da Cultura en na Casa do Concello, e presentar a documentación requirida antes do 16 de novembro, no Rexistro Xeral do Concello.

Tal e como sinalou o rexedor, Alfonso Villares, trátase dunha subvención financiada ao 100% con fondos municipais co obxectivo de “equilibrar a balanza socioeconómica e apoiar ás familias na educación dos seus fillos, ademais de contribuír a que exista igualdade de oportunidades. Con estas axudas tratamos de cooperar na formación e os estudos da nosa veciñanza, ao igual que facemos con outras subvencións tamén municipais, como é o caso das axudas ao material escolar e libros, ás ANPAS ou aos colexios”.

Os beneficiarios destas axudas deberán ser menores de 30 anos e, en función da renda familiar, poderán percibir unha contía de 150 ou 250 euros. Ademais, o solicitante ten que cursar algunha destas titulacións: Ensinanzas universitarias, estudos musicais en conservatorios e escolas de música, Bacharelato (nalgunha das modalidades que non se imparten no Concello de Cervo) ou ciclo medio ou superior de Formación Profesional.

DOCUMENTACIÓN

En canto á documentación a presentar, deberase entregar no Rexistro do Concello fotocopia do DNI de todos os membros da unidade familiar maiores de idade, fotocopia do libro de familia, autorización de todos os membros computables para obter información das diferentes administracións, copia cotexada do boletín de cualificacións ou certificación expedida polo centro educativo no curso 2020-2021 e, en caso de discapacidade ou dependencia, certificado emitido polo organismo oficial correspondente.

No caso de que os alumnos ou alumnas sexan universitarios, deberase entregar tamén a fotocopia da matrícula cotexada co seu orixinal e o extracto do expediente universitario ou certificación do centro académico de terse presentado polo menos ao 50% das materias correspondentes á matrícula no curso 2020/2021.

No referente a estudantes de bacharelato ou formación profesional, deberán presentar a copia cotexada do boletín de cualificacións ou certificación expedida polo centro de haberse presentado ao 50% das materias correspondentes á matrícula no curso 2020/2021.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here