O Tribunal Supremo confirma a anulación do ERE de Alcoa

Desestima así o recurso que interpuxo a multinacional.

O comité de Alcoa, nunha concentración ante a Subdelegación do Goberno central. AXM

O Tribunal Supremo confirmou a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulou o expediente de regulación de emprego (ERE) que Alcoa pretendía executar na planta de San Cibrao, en Cervo.

Os maxistrados da sala do social do Supremo reuníronse o pasado mércores día 20 para deliberar sobre o recurso que interpuxo a multinacional contra a anulación do ERE, que afectaba a máis de 500 traballadores.

Coa súa decisión, desestiman o recurso de casación interposto polo Grupo Alcoa Inespal. No seu día, o TSXG decretou nulo o ERE de Alcoa ao apreciar “mala fe” nas negociacións por parte da empresa, cuxo “fin único e primordial” era “apagar as cubas e pechar a fábrica da maneira máis rendible posible”.

CHAMADA DE ATENCIÓN AO GOBERNO

“Agora só queda saber que vai facer o Goberno. Dunha vez por todas vai tomar cartas no asunto e defender os dereitos laborais de todos os traballadores ou vai seguir mirando para outro lado mentres Alcoa segue actuando de mala fe un día tras outro? Alcoa ten que saír deste país e a única forma que hai chámase SEPI”, aseverou o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan.

Neste sentido, valorou que quen tiñan razón eran os traballadores “e non a empresa, que quixo aplicar un despedimento inxusto”. “Só a posición de toda unha comarca e dos traballadores, que sempre creron que a solución era seguir producindo, foi a que conseguiu que o Supremo ratifique que foi unha auténtica vergoña todo o que pasou”, concluíu.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here