O Concello de Cervo levou adiante a campaña de voluntariado de recollida de lixo, dentro do programa COIDA CERVO, que tivo lugar este mediodía na contorna do Río Xunco, por motivo do Día Internacional da Acción polos Ríos.
Trátase dunha iniciativa cuxo eixo principal son as xornadas de voluntariado de recollida de lixo, pero na tamén se programan charlas, coloquios, actividades prácticas, saídas de campo e campañas para incentivar a reciclaxe selectiva; entre outras.
Esta campaña ten como obxectivo poñer en valor as boas prácticas individuais no noso día a día no coidado e protección da contorna. Coida Cervo tamén pretende ser unha ferramenta de reflexión –tal e como subliñan- “coa que censurar certos comportamentos incívicos que se producen con frecuencia nas nosas vilas que prexudican a toda a veciñanza e son un atentado contra o noso patrimonio natural”.