InicioOccidentalCervoIria Moscoso, Fervenza de Sargadelos: "O noso traballo é darlle vida a...

Iria Moscoso, Fervenza de Sargadelos: “O noso traballo é darlle vida a un lugar onde hai poucos nenos e tirar deles”

A asociación Fervenza de Sargadelos naceu co obxectivo de recuperar a Romaría de Sargadelos, un evento que levaba tempo sen celebrarse. Agora, anos despois, este grupo de persoas que buscan animar o espazo da contorna de Cervo e máis alá, busca darlle dinamismo, forza e vida aos máis pequenos e non tan pequenos con espectáculos e celebracións como as Foliadas, o Samaín ou o Día de Rosalía. Falamos con Iria Moscoso para achegarnos máis a esta asociación...

Publicada o

- Advertisement -

-Descríbenos este proxecto, Fervenza de Sargadelos.

Definiríao como unha asociación que pretende ofrecer actividades culturais para toda a poboación de Cervo e non só de Cervo, senón de toda a volta.

-Cales son as principais actividades nas que vos involucrades coa veciñanza?

Sobre todo a Noiteboa Infantil, que foi das primeiras actividades e aínda perdura no tempo. Despois está a Foliada, que este ano será a sexta edición, e durante estes últimos anos estabamos facendo o Samaín e o Día de Rosalía de Castro en febreiro.

-Cantas persoas formades esta iniciativa?

Somos unha asociación sen ánimo de lucro, por tanto non hai socios, e quen traballa aquí basicamente faino de maneira desinteresada. A día de hoxe estaremos catro persoas involucradas, logo os locais e os bares de Cervo colaboran e ademais hai xente que tamén bota unha man.

-Como repartides o traballo dentro da asociación?

Hai uns estatutos onde figuran os cargos mais ao final todos acabamos facendo o mesmo, é dicir, buscando actividades e implicándose o día dos eventos. Non temos us cargos moi definidos, todos traballamos para todos. Logo hai cousas como as Redes Sociais que as levo eu e tamén buscar as actividades culturais. Mais o día do evento, cando hai que poñer as cadeiras ou mesas, aí todos facemos de todo dentro das nosas posibilidades, pois a xente tamén traballa aínda que todos nos implicamos.

durante estes últimos anos estabamos facendo o Samaín e o Día de Rosalía de Castro en febreiro

-A vosa sede está en Sargadelos?

Non, non temos sede. Si temos un local destinado onde gardamos material, mais a Asociación non ten un lugar físico.

-Cando organizades algún destes eventos, queredes ofrecer algo diferente que chame a atención do público?

Como novidades non creo que esteamos a ofrecer algo totalmente distinto, hai outras asociacións e actividades programadas que van na mesma liña. O noso traballo é ofrecer actividades en Cervo, darlle vida a un lugar onde case non hai nenos e tirar por eles dándolles oportunidades para participaren.

-Recibides axudas por parte de institucións públicas ou traballades de maneira totalmente independente?

O Concello sempre nos bota unha man, tamén a Deputación cando lle temos pedido axudas para algún evento, si que colaboraron. Despois, para financiármonos vendemos rifas, facemos sorteos e donativos que se fan nas propias actividades, pois tentamos dentro do posible que sexan gratuítas para todo o mundo.

O noso traballo é ofrecer actividades en Cervo, darlle vida a un lugar onde case non hai nenos

-Cal é a percepción que sentides desde o público sobre o labor que levades adiante?

Até a pandemia as cousas ía moi ben. Durante os dous anos da pandemia, aínda que seguimos organizando a Noite Boa Infantil máis o Samaín, si se sentiu o estado de alerta porque minguou o número de persoas asistentes. Ben é certo que tanto o Día de Rosalía como a Noite Boa Infantil, superaron as novas expectativas. A acollida foi boa e cremos que a xente está contenta, vemos nenos que repiten, persoas que repiten e iso deixa ver que cumprimos.

-Facedes actos en centros escolares?

Hai tres anos ou catro, con outra asociación, A Mariña Patrimonio, que cos nenos do colexio de Cervo fixeron unha mostra sobre ferramentas do Paleolítico. Mais foi a única actividade para un centro escolar.

-As idades coas que traballades abranguen o que é infantil e primaria polo que entendo?

A Noite Boa Infantil, como xa o di o nome, está destinada a un público máis pequeno que espera a chegada de Papá Noel. O noso traballo chega aos nenos e nenas de 12 anos como moito. Tamén veñen os pais para acompañalos como en espectáculos de maxia. Para a Foliada haberá actividades para nenos e outras para adultos e despois tamén teremos grupos de nenos e de adultos para tocar na Foliada. Procuramos chegar a todas as xeracións.

A acollida foi boa e cremos que a xente está contenta, vemos nenos que repiten, persoas que repiten e iso deixa ver que cumprimos

-Cales son os futuros plans que tedes para animar aos nenos e nenas de Cervo?

A primeira é a Foliada. Logo esperamos seguir traballando no Samaín para outubro e logo a Noite Boa Infantil. Ao mellor no verán xorde algunha actividade máis encamiñada a nenos. O ano pasado tivemos unha actuación no verán para público infantil. Mais isto imos aos poucos.

-Cando comezastes o voso labor recibistes ánimos ou houbo escepticismo?

Houbo implicación por parte da xente, pois o noso comezo foi recuperar a Romaría de Sargadelos. Foi por iso que creamos a asociación para ir pedindo colaboracións polas casas para facer a festa. Tamén se implicou o Concello e axudas de institucións.

-Tedes relacións de colaboración con outras asociacións?

Temos relación con Fol do Roxal que vai colaborar con nós para a Foliada, que é unha asociación nacida hai pouco, e por último, con Airiños do Xunco que é outra asociación que está en Cervo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...