O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, visitaron este mércores o polígono industrial de Cuíña para comprobar sobre o terreo o avance das obras da nova planta de biorresiduos proxectada no municipio, unha infraestrutura que se prevé que entre en funcionamento a finais deste ano para dar servizo a 15 concellos.
As instalacións, cuxa construción foi adxudicada por preto de 6,4 millóns de euros á UTE Espina Obras Hidráulicas, S.L- Geoxa, General de Construcciones, S.L, ocupará unha parcela de case 8.000 metros cadrados e dará servizo a 14 concellos da Mariña lucense: Alfoz, Barreiros, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Muras, Ourol, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro, Xove e Cervo, ademais do coruñés de Mañón, aglutinando unha poboación de máis de 69.300 habitantes.
Esta instalación formará parte da rede de infraestruturas deseñada pola Xunta a fin de que a maior parte dos concellos adheridos a Sogama teñan acceso á valorización da materia orgánica e dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.
A planta de Cervo acollerá todo o proceso de compostaxe –pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento–, disporá de capacidade para tratar 3.000 toneladas de materia orgánica anuais, ás que habería que sumar 1.600 toneladas de material estruturante, “é dicir, podas e restos de madeira”. “Producirá ao redor de 1.500 toneladas de compost que se destinará ao sector da agricultura e da gandaría como fertilizante natural.
Así mesmo, segundo explican, estará alimentada por enerxías renovables e equipada tamén con innovadores sistemas de depuración de augas e de aire, así como de control do nivel de ruído, garantindo con isto unha operativa respectuosa coa contorna.
17 INSTALACIÓNS EN REDE
Aínda que a xestión dos residuos é unha competencia municipal, a Xunta seguirá apoiando os concellos para que cumpran cos deberes legais establecidos na materia. A tal fin deseñou unha rede de infraestruturas conformada por 17 instalacións: 4 plantas de biorresiduos, unha en cada provincia, apoiadas por 13 plantas de transferencia que contarán cunha tolva específica para o transvasamento da fracción orgánica.
A previsión é que as plantas integradas nesta rede, nas que se investirán ao redor de 40 millóns euros, dos cales 30 millóns proceden dos Fondos Feder como parte da resposta da Unión Europea á crise da covid, entren en funcionamento a finais de 2022.