O Concello de Cervo, en colaboración coas asociacións Airiños do Xunco e AA.MM.RR. As Espalladoras, programa unha completa axenda lúdica-cultural para todos os públicos con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, o 17 de maio.
O prato forte, tal e como sinalou o rexedor Alfonso Villares, será o concerto do músico, compositor e cantante, Roi Casal, que este mesmo mediodía se desprazou ata Cervo para presentar a actuación na Praza do Souto, en compañía do rexedor, da edil de Cultura, Dolores García Caramés e dunha representación da asociación Airiños do Xunco, que participa na organización dos diferentes actos. A cita que forma parte da xira “descubrindo a Habana galega” será o mesmo 17 de maio, ás 19:00 horas, na fábrica de cerámica de Sargadelos; a entrada é libre.
O espectáculo Son galego, Son cubano é un show inesquecible con letras de Neira Vilas e a posta en escena dos mellores músicos de ámbolos dous países, que foi visto en directo por máis de 100.000 espectadores dende a súa posta en escena en Cuba.
Roi Casal traballou conxuntamente neste espectáculo con Neira Vilas ate o falecemento deste último en novembro de 2015. A xira é considerada unha fermosa homenaxe ao propio Neira Vilas e á emigración galega en Cuba, onde o escritor residiu 31 anos da súa vida para deixar rexistrada en varias das súas obras a incrible epopea dos galegos na illa caribeña.
Ese mesmo día, 17 de maio, desde ás 13:00 horas, terá lugar na Praza do Souto a entrega de premios do concurso literario “Airiños do Xunco”, tamén está prevista unha homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán, protagonista das Letras Galegas nesta edición; ademais da actuación do Grupo Cordenaia e do espectáculo infantil “Historia de Blancaflor”.
Como complemento a estes actos, o domingo 15 de maio, da man da AA.MM.RR. As Espalladoras, terá lugar a presentación das obras do escritor mariñán Tony Cazás “A la sombra de unha higuera” e “El verdugo de las almas perdidas”; será ás 19:00 horas no auditorio da Casa da Cultura.
O rexedor, Alfonso Villares, quixo agradecerlle a Roi Casal a súa presencia esta mañá en Cervo e aproveitou a ocasión para animar á veciñanza e visitantes “a desfrutar do talento dun artista único que trae a Cervo, unha vez máis, un espectáculo de auténtico nivel que non deixará indiferente a ninguén, nesta ocasión nun escenario de excepción como é a fábrica de Sargadelos”.
Pola súa banda Caramés quixo agradecer a Airiños do Xunco e a AA.MM.RR. a súa implicación na programación desta axenda para o Día das Letras Galegas “que fan un traballo impagable contribuíndo a encher de vida cada recuncho do noso Concello”