A bandeira azul xa loce na Praia do Torno na localidade cervense de San Cibrao

Ademais, desde esta fin de semana xa locen tamén a bandeira Ecoplayas concedida por sétimo ano consecutivo, a de praia sen fume e tamén o distintivo de Sendeiro Azul.


A bandeira azul ondea xa na praia do Torno, en San Cibrao. A insignia, que premia a xestión ambiental do Concello, foi izada polo alcalde, Alfonso Villares, a tenente-alcalde, Dolores García Caramés e o edil de Turismo, David Rodríguez, acompañados por varios traballadores municipais.

Ademais, desde esta fin de semana xa locen tamén a bandeira Ecoplayas concedida por sétimo ano consecutivo, a de praia sen fume e tamén o distintivo de Sendeiro Azul, que “recoñece o valor medioambiental desta ruta” e pon de manifesto “o compromiso municipal co turismo sustentable e de calidade”, avalando o esforzo que se vén realizando neste terreo, precisou o rexedor.

Desde este mesmo venres, e durante dous meses, xa está operativo tamén o servizo de socorrismo para velar pola seguridade dos bañistas.

O rexedor sinalou que volver conta coa bandeira azul, outorgada pola calidade das augas e os servizos que ofrece o areal, é unha boa nova para Cervo “o que nos conduce a pensar que as cousas se están a facer con criterio dende a área de medio ambiente, xa que cumprimos cuns requisitos loxicamente cada vez máis esixentes á hora de obter un distintivo que é un impulso e un incentivo máis para seguir a traballar baseándonos no compromiso coa contorna e promovendo tamén hábitos responsables para manter as nosas praias na mellor das condicións”.

Así mesmo, puxo de manifesto que “aínda que O Torno é a praia que ten bandeira azul, todos os areais do Concello contan cuns servizos axeitados a disposición dos usuarios, e cunha calidade óptima para o baño”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here