O Concello de Cervo vén de urxirlle por escrito á Deputación provincial que acometa as tarefas de roza e acondicionamento das vías que son da súa titularidade e que “xa iniciado o verán, presentan unha imaxe de absoluto abandono” xa que “están completamente invadidas pola maleza”.
Desde a administración local non se explican como a estas alturas do ano as estradas da Deputación presentan este aspecto descoidado “e non estamos a falar dun feito puntual, senón que é un feito recorrente que se repite verán tras verán”.
A falta de previsión –apuntan- é evidente e a desidia da Adminsitración autonómica tamén.
As vías de titularidade provincial que se atopan nun estado deficiente son:
– Río Covo – Porto de San Cibrao LU-P-1501
– Burela – Vilaestrofe – Ferreira LU-P-1502
– Río Covo – Trasbar – Vilaestrofe LU-P-1503
– Río Covo – Fábrica de Sargadelos LU-P-1504
– Sargadelos – Vilaestrofe LU-P-1505
– Cervo – Cuíña LU-P-1506
– A Venta – Lieiro LU-P-1507
– Figueirido – Paraño – Sargadelos LU-P-1508
– Pedrouzos – Senra LU-P-1509
– San Cibrao – A Marosa – Burela LU-P-1510
Desde o Concello de Cervo pídenlle pois, encarecidadamente, á Deputación Provincial que asuma a súa responsabilidade e que acondicione estas estradas con urxencia “porque o verán xa comezou oficialmente, e como saben –indica a tenente de alcalde Dolores García Caramés- é nestas datas cando o fluxo de peóns e tamén de vehículos se ve notablemente incrementado, co correspondente risco que supón a falta de visibilidade e de espazos adecuadamente transitables que detectamos e identificamos en numerosos puntos destas estradas provinciais”.
Ante a inoperancia da Deputación, xa iniciado o mes de xullo, Méndez avanza que dado o aspecto “selvático” que presentan algunhas zonas do municipio “o Concello tomará a iniciativa de comezar a limpar nas zonas máis transitadas”; agardando que o organismo provincial asuma a súa responsabilidade axiña.
Así, avanzou que o persoal municipal realizara tarefas de roza e limpeza nas vindeiras horas nas beirarrúas que unen Río Covo e San Cibrao; cuxo mantemento –recorda- “é exclusivo da Deputación”.