Alfonso Villares: “Atención Primaria estará cuberta en Cervo a pesar do déficit de profesionais”

O rexedor cervense quixo tamén valorar o esforzo dos profesionais dos Centros de Saúde de Cervo e San Cibrao que adaptaron os seus horarios e dobrarán quendas para poder ofrecer a maior cobertura sanitaria posible ao paciente


O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, mantivo este mediodía en Lugo o un encontro que tiña previsto co xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares, para abordar o asunto da atención primaria e da falta de profesionais que afecta ao conxunto de España e do que Cervo non queda á marxe.

Trala entrevista, o alcalde quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza “porque o servizo da atención primaria estará garantido tanto en Cervo como en San Cibrao durante o verán a pesar que estamos a falar dun problema estrutural e global grave “que afecta a todo o territorio nacional” xa que as bolsas de profesionais están a 0, o que imposibilita cubrir baixas e vacacións e “é goberno o que ten as competencias para resolver esta crise sen precedentes da atención primaria; e o goberno o que debe tomar medidas urxentes para evitar que España quede sen médicos na Atención Primaria”.

Neste senso, o rexedor recordou que a consellería de Sanidade, da man do seu titular Julio Comesaña, encabeza un manifesto que recolle medidas de choque urxentes para paliar este déficit de profesionais na AP. Un texto que xa foi remitido ao ministerio e que secundan, ata o de agora, as comunidades autónomas do País Vasco, Andalucía, Cataluña, Murcia e Castela e León.

Villlares quixo agradecer o esforzo realizado polos profesionais “á hora de adaptar os seus horarios e dobrar quendas para poder ofrecer ao paciente a maior cobertura sanitaria posible, dentro das circunstancias”, e avanzou que en setembro, e logo das merecidas vacacións dos sanitarios, os horarios do centro de saúde de Cervo volverán á normalidade”

Villares lembrou tamén que a Xunta, no eido das súas competencias, ten posto en marcha unha iniciativa pioneira en España para captar profesionais para as prazas vacantes de difícil cobertura: unha convocatoria de 106 prazas en propiedade por concurso de méritos, sen exame de oposición, á que pode optar calquera profesional especialista en medicina familiar e comunitaria e especialmente dirixida para os residentes que rematan este ano o seu MIR. O alcalde de Cervo destacou que unha destas prazas convocadas corresponde ao centro de San Cibrao e destacou a hipocrisía do BNG, que votou no Parlamento en contra da lei que habilitou esta convocatoria extraordinaria que vai a permitir a incorporación dun novo profesional con praza fixa neste centro no mes de setembro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here