A produción de alúmina na planta de Alcoa en San Cibrao viuse reducida nun 50% polos “altos custos” que ten o gas no mercado, segundo o comité de empresa. A factoría xa recuperou “plenamente” a actividade despois de que a pasada semana tivesen un problema coa enerxía polas treboadas rexistradas na Mariña.
En todo caso, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, sinalou que o da treboada foi “un problema insignificante, que se solucionou nunhas horas”. “Si que a xente tivo que empregarse a fondo para solucionalo, pero unha vez recuperada a produción e o sistema xa estamos a operar con normalidade”, precisou.
En canto á produción, Zan asegurou que “o maior problema é na planta de alúmina, que reduciu a produción un cincuenta por cento por culpa dos altos custos que ten o gas no mercado”.
REUNIÓN EN SETEMBRO
Polo demais, o presidente do comité de empresa apuntou que están “á espera da reunión do próximo 14 de setembro”, a da comisión de seguimento sobre o apagado das cubas ata xaneiro de 2024, e na que interveñen a multinacional americana, o Goberno central, Xunta e sindicatos.
“Estamos a esperar pola reunión do 14 de setembro e que nos dean algunha noticia boa sobre os parques eólicos, sobre todo o contrato con Endesa, que para nós é fundamental”, subliñou. De momento hai “comprometido” un parque eólico con Greenalia, ao 45 por cento, e saben que a Xunta e o Goberno “están a reunirse para licitar os parques”.
Cos actuais prezos da enerxía, Zan xa esgrime que a viabilidade da planta da Mariña “sería moi difícil”. Depende deses parques eólicos, co que “sería moito máis fácil, e seguro que prolonga máis a seguridade de todos, xa que son acordos a dez anos” e estarían “máis tranquilos todos”.
A produción de aluminio non se retomará na factoría de San Cibrao ata o aceso das cubas, previsto para o 1 de xaneiro de 2024.