O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, respondeu este venres a preguntas dos xornalistas sobre o acordo de subministración de enerxía entre Endesa e Alcoa San Cibrao entre 2024 e 2034. Francisco Conde ve como “unha boa noticia” que a factoría da Mariña “siga traballando na senda de poder incorporar renovables á súa liña de produción”.
Con todo, indicou que o 75% dos megawatts do acordo entre Endesa e Alcoa “necesitan da tramitación por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica” polo que, engadiu, é preciso que “o Ministerio estableza colaboración coa Xunta para a tramitación”. Nese contexto, continuou, “hai un prazo, o 24 de xaneiro, cando estes proxectos terán que ter aprobada a declaración de impacto ambiental”. Segundo o vicepresidente, este prazo “débese ampliar para garantir que estes proxectos se poidan tramitar en prazo e forma, tanto por parte do Ministerio como da Xunta”.
Neste sentido, Conde demandou ao Goberno que impulse a tramitación dos parques eólicos que “son da súa competencia” e que amplíe o prazo para a obtención da declaración de impacto ambiental para que estes parques se poidan tramitar e “non perdan os accesos e permisos de conexión”.
Ademais, insistiu na necesidade de que se defina o marco enerxético para que empresas electrointensivas como Alcoa “poidan ter un prezo competitivo”. Así, censurou que a planta de Alcoa “está parada nestes momentos por decisións que adoptou o propio Goberno”.
Nesta mesma liña, lamentou que “o futuro de Alcoa non pasa exclusivamente polo desenvolvemento de proxectos eólicos, senón tamén por establecer un novo marco enerxético que poña en igualdade de situación a Alcoa con outros países europeos”. “Sen un marco enerxético, non haberá futuro para Alcoa”, reiterou o vicepresidente primeiro.