InicioM.ambiente e PatrimonioO CSIC impulsa un estudo arqueolóxico no Castro de Rueta

O CSIC impulsa un estudo arqueolóxico no Castro de Rueta

A iniciativa, aberta á cidadanía, contempla a súa análise cunha metodoloxía pioneira en Galicia.

Publicada o

- Advertisement -

Un equipo do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) inicia un estudo preliminar do castro de Rueta, en Cervo, que busca, cunha metodoloxía pioneira en Galicia, avaliar o seu estado de conservación e considerar a súa idoneidade para o desenvolvemento de actuacións máis ambiciosas nun futuro próximo.

“As actuacións previstas agora contemplan aplicar métodos de traballo non invasivos para
espremer as informacións dispoñibles sobre a biografía deste xacemento sen mover nin un
gran de terra. E é que os métodos de prospección xeofísica, o estudo do poboado fortificado con diferentes sensores transportados por drons, así como o estudo de imaxes aéreas e satelitales, serven para evitar afeccións sobre o xacemento antes de considerar a súa idoneidade para poñer en marcha un programa de actuacións con métodos máis habituais en arqueoloxía, como a escavación”, explica o equipo do CSIC.

Estas actuacións tomaron forma grazas á iniciativa da Asociación Mariña Patrimonio, desde
onde se solicitou o apoio da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a
través dunha subvención para desenvolver investigacións arqueolóxicas. Tamén o Concello de Cervo achegou persoal e medios propios para efectuar unha roza extensa do castro e a súa contorna e facilitar así as actividades arqueolóxicas. Fondos propios do CSIC completan o orzamento dispoñible.

“A limpeza da densa vexetación que cubría o castro permite xa obter unha imaxe inédita del: destaca un sistema defensivo impoñente, con varias liñas de murallas e fosos que mostran un bo estado de preservación”, sinalan desde o CSIC. As actuacións estarán abertas á cidadanía, con varias actividades divulgativas durante a próxima semana. Entre elas destaca unha visita guiada ao castro o mércores, 2 de novembro, de alumnado de centros educativos de Cervo e unha xornada de portas abertas para o público xeral.

O equipo do CSIC, coordinado por David González Álvarez (Instituto de Ciencias do Patrimonio) e por Jesús García Sánchez (Instituto de Arqueoloxía de Mérida), confía en desvelar aspectos como a densidade de construcións antigas observables, a entidade das súas murallas, ou a existencia de restos arqueolóxicos en zonas da contorna do castro onde non foran observadas trazas da súa antiga ocupación.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...