Ricardo García (A Rebolaxe): “O noso máis ben é de canto de taberna, de tocar pezas cantadas, incorporar as letras ás músicas coas gaitas”

"A Rebolaxe" é cando o vento sopra de todas partes e as correntes de aire conflúen coma nun caos que ten o seu atractivo no seu son e no seu especial comportamento. "A Rebolaxe" é un grupo de cantos de taberna que comezou xuntando persoas de diversas partes da Mariña que confluíron en San Cibrao, por iso o nome. Falamos con Ricardo García presidente da Asociación que nos describe algúns aspectos do funcionamento deste grupo de amantes da música tradicional e dos cantos de taberna.


-Cando nace A Rebolaxe e cales foron os motivos detrás da súa aparición?

A Rebolaxe nace hai sobre dez anos. Comezamos con aulas para xente con interese na música tradicional. Daquela non había onde dar ese tipo de ensinanza en San Cibrao. O grupo Mistura, onde comezara eu de pequeno, parara a súa actividade. Iniciamos unhas aulas particulares enfocadas á xente adulta con interese na música tradicional e logo fomos xuntando un número máis elevado de persoas. A idea era pasalo ben, gozar e facer música. Comezamos coa gaita, logo seguimos cos instrumentos de percusión de todo tipo e logo a cantar.

-Falas de xente adulta, non hai xente nova, adolescentes?

Tivemos algún adolescente mais normalmente a nosa actividade enfócase en xente adulta. Si que vén algún adolescente, normalmente algún fillo ou filla das persoas de Rebolaxe. O groso da idade das persoas que están dentro é a partir de trinta normalmente.

-Cal cres que é a motivación destas persoas para achegarse á asociación e aprenderen a tocar e cantar música tradicional?

En moitos dos casos comentan que é por non poder facelo antes, por traballo e por outras cuestións, pois agora anímanse a facelo. Eu dou aulas en diversas asociacións e escolas de música, vexo que esta xente maior si que o toma con maior interese, teñen moitas gañas despois da imposibilidade de tocar por cuestións laborais e tamén hai quen retoma despois de anos sen tocar ou cantar polas mesmas cuestións, traballo, familia, etc.

A idea era pasalo ben, gozar e facer música. Comezamos coa gaita, logo seguimos cos instrumentos de percusión de todo tipo e logo a cantar

-Sentides que sodes herdeiros dalgunha outra asociación ou grupo ou queredes marcar un camiño propio?

Neste caso é un camiño distinto. En San Cibrao, Mistura, a comezos dos 80 estaba enfocado doutra maneira, gaita e baile. O noso máis ben é de canto de taberna, de tocar pezas cantadas, incorporar as letras ás músicas coas gaitas, cousa que non se facía antes neste concello.

-Sobre os cantos de taberna, fixestes unha recollida dos mesmos ou son temas xa coñecidos polo público?

Algunhas son recollidas, outras son pezas de pandeireteiras arranxadas e outras son de diversos ámbitos da tradición. Agora xa hai grupos enfocados en crear un repertorio enfocados a este tipo de agrupacións como Treixadura, As Malvelas, grupos que adaptan o canto con instrumento. Nós temos un repertorio así, moi combinado, dese tipo como adaptacións propias ou de grupos máis coñecidos.

Moita xente empeza a tocar con nós porque non puideron facelo antes, por traballo e por outras cuestións, pois agora anímanse a facelo.

-Tedes participado en festivais de música tradicional?

Si temos participado, un dos últimos foi en León. Con todo, a xente goza máis cos cantos de taberna que agora mesmo teñen unha grande acollida, mesmo temos foliadas con estes cantos de taberna.

-Tedes local propio para os vosos ensaios?

Non, mais o Concello cédenos un espazo para os nosos ensaios na casa da Cultura.

-Dentro das vosas actividades, cal cres que é a máis atractiva para a xente que participa na Rebolaxe?

Tocar todos xuntos, é o que máis gustan. Cando están separados por grupos gozan, mais o atractivo é tocar en grupo.

-Os e as participantes aportan algunha cota para soster a asociación?

Si, a asociación cubre as aulas do profesorado cunha cota mensual por cada alumno, como en case todas as asociacións.

-O Concello, á parte do local, ten feito algunha outra aportación?

O Concello axúdanos cando facemos eventos, sobre todo o Nordestía, que é a grande celebración que facemos nós. Consiste en cantos de taberna en San Cibrao, organizamos unha comida popular que en 2019 xuntou case 300 persoas e logo demos concertos de grupos destacados no ámbito tradicional e folck. Para todo isto, o Concello axúdanos con carpas, equipos de son e sobre todo prestando o local e na celebración de eventos.

-De onde vén o nome “A Rebolaxe”?

Foi idea dun dos membros máis antigos da asociación. Isto vén de cando comezamos, cando viña xente de diversos lugares, Viveiro, Cervo e outros sitios. San Cibrao é un lugar onde dá moito o vento, e a rebolaxe é cando o vento vén de moitas partes, sopra por todas partes. Así pois, como viña xente de diversos lugares, era unha “rebolaxe” de persoas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here