A antiga fundición de Sargadelos estará unida á actual fábrica mediante un paseo peonil

O alcalde, Alfonso Villares e a tenente alcalde, Dolores Gacía Caramés, desprazáronse ata o lugar da actuación onde puideron supervisar o inicio dos traballos que se prolongarán durante os próximos meses.


O concello de Cervo iniciou as obras para a construción dun paseo peonil que comunicará a Antiga Real Fábrica de Fundición de Sargadelos coa actual Fábrica de cerámica.

O alcalde, Alfonso Villares e a tenente alcalde, Dolores Gacía Caramés, desprazáronse ata o lugar da actuación onde puideron supervisar o inicio dos traballos que se prolongarán durante os próximos meses.

O obxectivo principal desta actuación “que é unha aposta municipal pola mobidade sostible” é o de separar o tráfico peonil do rodado, o que supón unha remodelación integral da estrada establecendo unha nova cuneta de formigón cos seus respectivos desaugues e cruces da vía.

Tamén se vai renovar a rede de abastecemento de auga, propiciando a conexión coa actual fábrica de Sargadelos.

Establecerase – ademais – unha rede de alumeado público, respectuosa coa paisaxe, entre os dous puntos, executando as canalizacións, o cableado e as luminarias precisas para ofrecer este servizo. Por último, soterrarase o cableado existente na actualidade da rede de telefonía e renovarase a pavimentación dos tramos afectados pola obra.

A obra supón un orzamento de 750.000 euros, financiados integramente con fondos do remanente das arcas municipais.

Tal e como apuntou Villares “con esta actuación pretendemos mellorar a seguridade en toda esta contorna, creando un espazo público de calidade na parroquia de Sargadelos”.

Este paseo peonil que conectará dous emprazamentos declarados BIC perpermitiranos tamén -engadiu- “incrementar o atractivo desta zona tan emblemática do noso municipio de enorme riqueza histórica patrimonial e natural”, reforzando o seu potencial turístico.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here