-Como se desenvolven os percorridos do patrimonio da Mariña, sobre todo os relativos ao patrimonio eclesiástico?
Ultimamente estamos visitando varias igrexas e o motivo é que dentro delas hai un patrimonio impresionante e descoñecido. Hai moitas persoas interesadas neste tipo de construcións e tamén o noso colega Antón Niñe é experto en imaxes relixiosas e á parte, é unha persoa cun interese especial en observar e ir coñecendo os diferentes reclamos de cada templo. Así temos referencias para preparar as rutas de visita. Realmente falamos de patrimonio cultural moi descoñecido.
-A maioría dos retablos de igrexas na Mariña pertencen ao período do barroco?
Os que visitamos esta fin de semana si.
-O percorrido deste pasado sábado foi polo Concello de Xove.
Comezamos na Rigueira, alí fomos ver o pazo, despois fomos a Xuances, logo da comida fomos á igrexa de Morás e á baleeira. Sobre isto último tivemos as explicacións de Lucía Sánchez Meitín, antropóloga e alí rematamos a visita.
Ultimamente estamos visitando varias igrexas e o motivo é que dentro delas hai un patrimonio impresionante e descoñecido
-Por que comezar na Rigueira?
Sabiamos que a igrexa era importante pola romaría de Santo Antonio. Á parte está o gran retablo barroco da mesma. Pasamos polo Pazo e logo fixemos a visita á igrexa de Xuances. Fomos despois á igrexa de Morás porque dicían que tiña un retablo barroco moi peculiar dentro da iconografía da contorna.
-Non pasastes por ningún castro, por ningún xacemento arqueolóxico?
Non, desta volta non debido ás malas condicións en que estaba o terreo. Si que fomos ao xacemento de San Tirso, dadas as recentes intervencións arqueolóxicas sobre o castro e as ruínas do antigo convento.
-Sobre as persoas que acoderon ao encontro, son maioritariamente da Mariña?
Vén moita xente de Ribadeo, de Foz, Barreiros, Viveiro e Cervo. Debo dicir que hai tempo decidimos ampliar as nosas visitas máis aló da arqueoloxía, pois temos un patrimonio moito máis extenso. E a primeira vez que fixeramos unha visita a igrexas foi en Cervo co acompañamento do que fora cura e grande especialista en arte relixioso, Carlos Miranda, agora responsable do patrimonio da diócese. Con esa primeira vez quedamos moi impresionados co patrimonio eclesiástico e moito del en mal estado. Debera estar en todas as guías de visitas.
a primeira vez que fixeramos unha visita a igrexas foi en Cervo
-Haberá novidades sobre os traballos de Mariña Patrimonio?
Posiblemente o luns 12 de decembro anunciaremos unha xuntanza para o sábado 17 sobre os resultados dunhas catas realizadas en Cervo hai un par de anos. Alí daremos a coñecer que os restos encontrados son da época do Bronce, á parte que virán as arqueólogas participantes no estudo.