InicioOccidentalCervoO Concello de Cervo anuncia a creación do primeiro centro arqueolóxico da...

O Concello de Cervo anuncia a creación do primeiro centro arqueolóxico da Mariña que estará situado na Atalaia

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, explicou que nos vindeiros meses, a comezos de ano, e logo dun longo e complexo proceso, "comezaremos a derrubar ese esqueleto que ten un impacto visual tan negativo na península, e que puidemos adquirir recentemente, por medio dunha poxa pública”.

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Cervo contará co primeiro Centro Arqueolóxico da Mariña que se erixirá na zona da Atalaia. Así o anunciou o rexedor, Alfonso Villares, que explicou que nos vindeiros meses, a comezos de ano, e logo dun longo e complexo proceso, “comezaremos a derrubar ese esqueleto que ten un impacto visual tan negativo na península, e que puidemos adquirir recentemente, por medio dunha poxa pública”.

Villares explicou que se derrubará o groso da construción que provoca ese feísmo, mantendo os baixos da edificación “que aproveitaremos para a creación do Centro Arqueolóxico da Mariña, o primeiro destas características na contorna; porque entendemos que todos os restos do Castro da Atalaia como doutros xacementos da nosa zona, merecen ocupar o lugar que lles corresponde para a súa posta en valor”.

O rexedor e a edil de Patrimonio, mantiveron un encontro con membros de Mariña Patrimonio e tamén do Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia, para trasladarlles esta idea “que situará a Cervo como referente en materia de arqueoloxía e patrimonio na Mariña ao tempo que reparamos toda a panorámica da zona”.

Cabe recordar que o Concello de Cervo é xa titular tanto do esqueleto como do edificio que levaba moitos anos deshabitado e que está situado ao seu carón o que nos permitirá por fin “cumprir con ese obxectivo que levamos anos perseguindo desde o equipo de goberno que pasa por recuperar toda esa zona e dotala dunha imaxe renovada e integrada na paisaxe”.

Con respecto ao esqueleto no que se situará o Centro de Arqueoloxía da Mariña, Villares recordou, que o edificio xunto cos terreos, saíu a poxa logo dos trámites administrativos realizados desde o Concello o que permitiu chegar a esta situación. Un camiño que non foi nada sinxelo de percorrer, “no 2019 iniciouse un informe técnico de reposición da legalidade, que desembocou en tres multas coercitivas; por un valor total de 13.000 euros; e entremedias aprobouse tamén o Plan Especial de Protección do Xacemento da Atalaia”. Todos estes pasos previos permitiron ser ao Concello de Cervo o titular da estrutura e da parcela na que foi levantada no ano 2007, e que pretendía albergar 42 vivendas, con garaxes e rochos, en 7 niveis diferentes.

Ademais, xa se fixo a acta de replanteo da obra para acondicionar unha praza neste barrio da Atalaia. Unha actuación que está enmarcada no plan Hurbe da Xunta de Galicia que xa adxudicou o proxecto por un importe que supera os 400.000 euros, financiado ao 70% pola Administración autonómica e o 30% restante polo Concello de Cervo.

Tal e como subliñou Villares, “con estas actuación queremos poñer en valor toda esta zona tan privilexiada do noso Concello, como é a Atalaia, que, coa nova Praza e co Centro de Arqueoloxía, sumará atractivos para desfrute da veciñanza e tamén das persoas que se acheguen a visitarnos”.

MARIÑA PATRIMONIO

En datas recentes membros de Mariña Patrimonio mantiveron na Atalaia de San Cibrao unha reunión co alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e maila concelleira de cultura, Dolores García Caramés.

No transcurso deste encontro, os representantes do Concello trasladaron a Mariña Patrimonio a súa intención de apostar pola creación dun museo arqueolóxico con posiblidades de albergar un depósito para acoller os materiais arqueolóxicos aparecidos na Mariña.

Coinciden ambos, Concello e Mariña Patrimonio, a edificación se destine a albergar un futuro museo arqueolóxico da Mariña, que contaría tamén cun depósito para acoller todos os restos arqueolóxicos procedentes da Mariña luguesa. Tanto os que na actualidade están dispersos por varios depósitos de Lugo coma os que poidan aparecer nun futuro na comarca.

Dende Mariña Patrimonio felicitan ao Concello de Cervo por apostar pola creacion deste museo arqueolóxico na Atalaia ao tempo que expresan o seu total apoio a esta iniciativa.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...