O PSOE presenta como candidata á alcaldía do Vicedo a María Pérez Santaballa

A candidata á alcaldía do Vicedo avanzou que a lista que encabeza “está formada por un equipo de xente que queremos poñer ó Vicedo no mapa”.


María Pérez Santaballa, avogada e ex concelleira socialista, é a candidata do PSdeG á Alcaldía do Vicedo nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. A candidata agradeceu “o apoio e a confianza que depositaron en min tódolos meus compañeiros e compañeiras da Agrupación Socialista. Sei que temos un traballo duro por diante, pero estamos moi ilusionados, e temos todas as ganas, as forzas e o compromiso para sacalo adiante e traballar polo futuro dos nosos veciños e veciñas”.

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia, José Tomé Roca, subliñou que esta é a primeira convocatoria electoral na que unha muller encabeza a candidatura socialista no Vicedo, polo que “estamos diante dun momento histórico con María Pérez como cabeza de cartel, que marca un novo impulso para o socialismo no Vicedo e un novo impulso para loitar pola Alcaldía”.

“O Vicedo precisa un cambio, e temos unha candidata que conta con capacidade de traballo e experiencia para gobernar, para atender as necesidades dos veciños e para favorecer o desenvolvemento económico con novas iniciativas para que a xente non siga marchando do concello”, asegurou.

O líder dos socialistas puxo en valor “o gran traballo, o esforzo e a dedicación” do actual voceiro socialista no Vicedo, Vicente Parapar, “ao longo de todos estes anos”. “Un compromiso inquebrantable e unha loita incansable na defensa dos seus veciños e dos valores socialistas, que quero recoñecer e agradecer profundamente”, recalcou.

A candidata á Alcaldía avanzou que a lista que encabeza “está formada por un equipo de xente que queremos poñer ó Vicedo no mapa”. “Somos unha candidatura na que as mulleres somos as protagonistas, dun total de once, seis somos mulleres. Polo tanto, un equipo progresista, que quere priorizar políticas para a conciliación familiar e frear o alto índice de despoboamento. Hai que plantexar medidas xa, e facer do Vicedo un lugar do que sentirnos orgullosos, no que poder vivir e traballar”.

A candidata explicou que xa crearon diversos grupos de traballo para elaborar o programa electoral e implicar a tódolos colectivos e asociacións do municipio “para que teñan voz no futuro do Concello”. “Queremos que as nenas e nenos do Vicedo teñan horarios para conciliar o servicio de Madrugadores, que estuden no colexio, no PAI, e que non teñan que desprazarse aos concellos limítrofes para poder desenvolver as súas actividades educativas”, afirmou.

María Pérez Santaballa (1974), medrou no Vicedo, onde se estableceu a súa familia. Alí participou nas actividades que realizaba a Asociación Os do 21, onde aprendeu valores vitais como o compañeirismo e o amor polo baile e a música tradicional, un colectivo do que presume e se sente moi orgullosa. Súa nai foi mestra no Barqueiro, e seu pai como capitán de pesca. É licenciada en Dereito pola UDC (1997), e tamén cursou estudos na UNED de Ciencias Políticas. E nai de familia, e traballa como avogada dende que se licenciou. Ademais, xa formou parte da Corporación municipal de Viveiro como Concelleira no 2003, sendo Alcalde Melchor Roel.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here