Un amplio dispositivo de rescate integrado por bombeiros, Garda Civil, Salvamento Marítimo e Protección Civil supervisaron a zona dos cantís de San Román de Vale, no Vicedo, onde durante a tarde do pasado sábado foi localizada unha furgoneta, case afundida no mar.
O servicio de emerxencias do 112 Galicia recibiu o aviso por parte da Garda Civil de Tráfico, sobre as 18.35 horas, da presenza da furgoneta nun cantil, á altura do quilómetro 75,6 da estrada LU-862.
Ao descoñecer se a furgoneta estaba ocupada, desde o 112 púxose en marcha un dispositivo no que se transmitiu o aviso a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, ao 061, á Garda Civil, aos voluntarios de Protección Civil do Vicedo, aos bombeiros de Viveiro e á Garda Civil de Tráfico.
SEN INDICIOS DE OCUPANTES
Os medios de rescate desprazáronse ata o punto para comprobar se se podía recuperar a furgoneta. Minutos antes das oito da tarde, Salvamento indicou ao 112 que un dos seus rescatadores accedera ata o lugar onde se atopaba o vehículo e comprobara que non había ningunha persoa nin no seu interior nin nas proximidades.
O buzo que se sumerxiu na zona tampouco atopou ningún indicio de que houbese algunha persoa no lugar, indicou o 112. De todos xeitos, está previsto que se mergullen de novo para tentar recuperar algunha documentación do vehículo, posto que tampouco foi posible identificar a matrícula.
PUIDO CAER XA O XOVES
Protección Civil precisou que a hipótese máis probable é que a furgoneta caese xa polo cantil o pasado xoves, que foi cando se percibiron os danos nos gardarraís, aínda que este extremo non puido ser confirmado.