Tentan atopar ao dono dunha furgoneta que caeu por un cantil no Vicedo

Os buzos non atoparon ningunha persoa no vehículo, que se precipitou na zona de San Román de Vale, e sumerxeranse de novo para identificar a matrícula do turismo

Vista do Alto de Moreiras, en San Román de Vale. AXM

Un amplio dispositivo de rescate integrado por bombeiros, Garda Civil, Salvamento Marítimo e Protección Civil supervisaron a zona dos cantís de San Román de Vale, no Vicedo, onde durante a tarde do pasado sábado foi localizada unha furgoneta, case afundida no mar.

O servicio de emerxencias do 112 Galicia recibiu o aviso por parte da Garda Civil de Tráfico, sobre as 18.35 horas, da presenza da furgoneta nun cantil, á altura do quilómetro 75,6 da estrada LU-862.

Ao descoñecer se a furgoneta estaba ocupada, desde o 112 púxose en marcha un dispositivo no que se transmitiu o aviso a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, ao 061, á Garda Civil, aos voluntarios de Protección Civil do Vicedo, aos bombeiros de Viveiro e á Garda Civil de Tráfico.

SEN INDICIOS DE OCUPANTES

Os medios de rescate desprazáronse ata o punto para comprobar se se podía recuperar a furgoneta. Minutos antes das oito da tarde, Salvamento indicou ao 112 que un dos seus rescatadores accedera ata o lugar onde se atopaba o vehículo e comprobara que non había ningunha persoa nin no seu interior nin nas proximidades.

O buzo que se sumerxiu na zona tampouco atopou ningún indicio de que houbese algunha persoa no lugar, indicou o 112. De todos xeitos, está previsto que se mergullen de novo para tentar recuperar algunha documentación do vehículo, posto que tampouco foi posible identificar a matrícula.

PUIDO CAER XA O XOVES

Protección Civil precisou que a hipótese máis probable é que a furgoneta caese xa polo cantil o pasado xoves, que foi cando se percibiron os danos nos gardarraís, aínda que este extremo non puido ser confirmado.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here