-Cando comezaron a sentir que O Vicedo era un concello con potencial turístico?
A Mariña lucense leva anos despuntando no turismo e dentro da comarca, O Vicedo destaca por dous motivos, o Fociño do Porco e a Romaría Vikinga. Aínda así, o noso concello atrae xente desde hai tempo, sobre todo pola ría preciosa e limpa que temos, as praias e o noso interior. A miña preocupación sempre foi desenvolver algo que dea beneficios á xente, neste caso o turismo, porque atraer industrias para aquí de momento é complicado debido á situación e as comunicacións. Por iso nos inclinamos polo turismo comezando coas rutas de sendeirismo, das que dúas están homologadas. A primeira delas foi a de Morgallón-Río Sor-Morgallón, durante un tempo foi a única homologada por Montañismo na comarca e logo creamos a ruta Costeira. Despois veu a Romaría Vikinga, a promoción do Fociño do Porco xunto coas praias e visitas ao interior. En paralelo a isto veu un boom de construción cando moita xente construiu aquí unha segunda vivenda.
-Se falamos da Illa Coelleira, cales son as condicións para poder visitala?
A illa pódese visitar perfectamente, só que deberas dispoñer dunha embarcación propia. Hai anos tiven a idea de poñer unha embarcación que fixese a viaxe desde o porto ata a illa. Igual podemos retomar a idea. É algo difícil porque primeiro deberiamos ter un embarcadoiro na illa, e segundo, ao estar xa en mar aberto, as condicións meteorolóxicas non son sempre doadas. A creación destas infraestruturas podería implicar dous ou tres postos de traballo. Cómpre dicir que os días 17 e 18 de xullo virán os arqueólogos para facer prospeccións no antigo mosteiro, prospeccións que levan xa catro anos. O ano pasado deron cunha estela funeraria moi peculiar agora depositada no Museo Provincial de Lugo.
A miña preocupación sempre foi desenvolver algo que dea beneficios á xente, neste caso o turismo
-Sobre o corredor do Cantábrico, considera necesario presionar máis para a súa conclusión e ter todo o norte de Galicia vertebrado?
Hai trinta anos xa estabamos co corredor ás voltas. Desde aquela só hai tres tramos feitos, a variante de Xove, a variante de Ortigueira e creo que en Narón. Para nós unir a costa mediante unha estrada en condicións sería o ideal, pois moita xente que chega a Viveiro desvíase pola Gañidoira por non haber uns accesos en condicións. Tivemos reunións coa actual conselleira e agora mesmo non recordo que se vaia tomar algunha medida ao respecto, mais si estamos pedindo ao presidente e á conselleira a axilización desta obra. Estamos parados coa situación que se dá en Viveiro, quizais o noso concello é onde máis repercute, porque se temos que ir ao Hospital da Costa, perdemos tempo coa conxestión en Viveiro, por iso pedimos axilizar unha solución.
-Dentro do sector primario, cales son as áreas con maior forza?
A madeira é o sector máis importante que temos. Todo o mundo ten uns montes e ten uns ingresos cando vende madeira. Sobre a pesca haberá tres ou catro embarcacións con base permanente no Vicedo. Despois hainas que son foráneas mais non permanecen todo o ano aquí como base. No resto de sectores, hai autónomos en hostalaría, algunhas empresas con dous ou tres empregados de construción e talleres de chapa.
Para nós unir a costa mediante unha estrada en condicións sería o ideal, pois moita xente que chega a Viveiro desvíase pola Gañidoira
-E o sector agrario?
Non, aí perdeuse moito nas parroquias de interior, Cabanas ou Riobarba, sobre todo, chegaron a ter familias con dez vacas para leite ou carne. Houbo unha explotación con cento e pico cabezas para leite. Cando o leite deixou de ser rendible pechou. Quedan algunhas familias, non creo que máis de catro, con unhas poucas cabezas para leite, sobre todo para derivados do leite.
-Tamén teñen un porto deportivo.
Si e xa lle fixemos unha ampliación para que acolla o dobre de embarcacións que podía recibir antes, embarcacións de menos de dez metros. Agora mesmo todas as prazas deste porto están ocupadas e se se ampliase de novo, de seguro que non quedaría sitio sen ocupar.
É algo que nunca entendín, deixar unha casa de 300 metros cadrados cunha finca para irse vivir a un piso de 80 metros cadrados
-Están levando adiante algún proxecto que busque o asentamento de xente nova nas áreas de interior?
Nós estamos, por mediación do AGADER cos GDR, recuperamos a escola de Cabanas onde queda unha vivenda de momento desocupada. Foi cedida a unha asociación para dispoñer dela. O mesmo pasa na de Ríobarba ademais de termos feito aparcadoiros de bicicletas. Con todo isto queremos darlle vida ao noso rural e para iso tamén arranxamos vías de acceso, case todas están aglomeradas, as que non están irán agora para termos unhas boas comunicacións. Aínda así, a xente marcha e ademais é algo que nunca entendín, deixar unha casa de 300 metros cadrados cunha finca para irse vivir a un piso de 80 metros cadrados. O rural de hoxe non é o mesmo que hai décadas pois non falta luz, accesos e outras melloras. A xente marcha porque pensa que reduce tempos en viaxes e por exemplo, en Cabanas temos un acceso directo que non leva dez minutos por Galdo. Ten en conta que en Madrid hai xente que bota unha hora en ir ao traballo e volver del.
-Cal é o proxecto que querería ver acabado antes do final da lexislatura?
Temos un pendente desde hai moito tempo, que é a praia de Fomento, poder rexenerala e convertela nunha praia urbana. É unha espiña aí cravada.