A Xunta de Galicia anunciou que acometerá “este ano” obras de mellora na estrada LU-161, que conecta a localidade viveirense de Landrove con Ferreira do Valadouro.
O orzamento alcanzará, segundo a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, os 433.400 euros para unha actuación que abrangue 9,5 quilómetros nunha vía que conecta os municipios de Viveiro, Ourol e O Valadouro.
En concreto, as actuacións afectarán ao treito entre Chavín -á altura do punto quilométrico 2,680- e As Lobeiras -11,130-, e tamén ao percorrido entre os puntos quilométricos 14,990 e 16,000, en Santa María de Vilacampa.
A intervención consistirá en reparar as partes que presentan deterioro mediante fresados localizados e posterior reposición con mestura bituminosa a carril completo.
Segundo afirmou o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) licitará e adxudicará as obras “nos vindeiros meses” coa previsión de executalas “este mesmo ano“.
MALESTAR NO CONCELLO
A alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro, emitiu un comunicado no que afeou áo Goberno galego que avisase ao executivo municipal “ás nove da mañá” para acudir a unha presentación do proxecto que se celebrou dúas horas despois.
A rexedora xustificou así a ausencia de representantes do goberno local no acto e lamentou que é “habitual” que a delegación territorial da Xunta avise “no último momento”.
O BNG CRE QUE É “INSUFICIENTE”
O BNG de Viveiro considera “totalmente insuficiente” as “medidas de parcheo” prometidas para unha estrada coma a LU-161, que se atopa “non só nunhas condicións de abandono total, que a fan moi perigosa, senón tamén cunha escasa anchura, cunetas en mal estado e sen beiravías“.