Medios de intervención foron mobilizados para rescatar o corpo dun pescador, que permanecía desaparecido desde a tarde deste martes, dunha zona de difícil acceso no concello de Ourol.
Segundo informou o 112 Galicia, o servizo de emerxencias tivo constancia dos feitos na mañá deste mércores a través do aviso dos membros de Protección Civil da localidade. Estes informaron de que o home, veciño do municipio, faltaba da súa vivenda desde a tarde do martes, cando saíu a pescar.
Con eses datos, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informaron a axentes da Garda Civil que, en conxunto con Protección Civil, iniciaron unha procura polas proximidades do lugar de Vilares, parroquia de Merille.
Horas máis tarde, os medios desprazados confirmaron a localización do corpo nunha zona abrupta, próxima ao río, no lugar do Carme, en Miñotos. Para colaborar nas tarefas de rescate da vítima, nunha zona de difícil acceso, o 112 tamén solicitou a axuda dos Bombeiros de Viveiro.