IniciosociedadeJosé Luis Pajón, alcalde de Ourol: "O noso desexo de reabrir o...

José Luis Pajón, alcalde de Ourol: “O noso desexo de reabrir o colexio que pecharon en 2015”

José Luis Pajón Camba, PSdeG, chegou á alcaldía de Ourol en 2015. Daquela dera que falar por ter recibido o apoio dunha exconcelleira do PP. Hoxe, seis anos despois, Pajón cre que se o reparto de Fondos Europeos para os concellos recae na Xunta, os criterios de reparto deben ter en conta a mellora de todo tipo de infraestruturas das que carecen municipios como Ourol. Por outra parte, reclama máis atención ao sistema de comunicación viaria co resto da provincia, algo que permitiría a instalación de empresas.

Publicada o

- Advertisement -

-Como definiría Ourol desde unha perspectiva xeográfica, describiría Ourol?

Sería un concello intermedio entre a costa e a montaña. Pertencemos á Mariña aínda que dentro da comarca hai concellos máis de interior, así que diría que sería un municipio intermedio.

-Que vantaxes ten esta situación para o seu concello?

Quitando o agobio dos meses de verán, aquí pódese vivir, pode asentarse xente. Estamos a quince minutos de Viveiro, non estamos sometidos ao tráfico intenso que hai na costa durante os meses estivais.

-Houbo un decrecemento na poboación. Que políticas se están aplicando e lle gustaría aplicar para asentar poboación nas parroquias de Ourol?

O fenómeno de despoboación vén de décadas atrás. Lamentablemente os concellos pequenos e rurais son os que máis sofren o abandono dos lugares. Estamos dando axudas para a natalidade, apoio para mercar libros escolares e temos unha casa niño que estamos habilitando para o seu traslado. A pesar dunha economía limitada a uns poucos sectores, as medidas para asentamento de poboación teñen que vir de administracións superiores, Xunta ou Goberno cetral. Poño un exemplo, hai pouco había unha oferta de traballo para unha persoa que podía traballar desde a casa como teleoperadora. A cuestión é que a empresa pedía unha boa conexión wi-fi e, por desgraza, diso aquí temos unha grande carencia e mala cobertura de móbil. Si hai fibra e cobertura boa en áreas limitadas. Antes do peche pola pandemia houbera unhas axudas a través da Xunta para as que pedían a colaboración dos concellos para a mellora da cobertura móbil. Pedían unha parcela para colocar unha antena con subministración eléctrica. Finalmente puidémolo facer en dúas áreas ata que todo quedou parado. Por tanto, hai que dotar o rural coas últimas tecnoloxías para non sentirse discriminadas coas áreas urbanas.

-Sobre o desenvolvemento do rural, vostede está a favor de que os concellos xestionen os fondos europeos ou sexa a Xunta?

A Xunta pode facer un papel importante se aplica uns criterios de reparto xusto, é unha opinión persoal. Estou de acordo que xestione a Xunta, mais destinando a cada municipio diñeiro segundo as súas necesidades. Os concellos como Ourol deberan ter uns extras para poder fornecerse duns servizos que xa teñen localidades con maior orzamento. Volvendo á cobertura móbil. Aquí sería moi necesario investir máis nese campo que en lugares onde a cobertura xa está asegurada. Se queremos que a xente nova viva aquí, debemos dar máis facilidades.

As medidas para asentamento de poboación teñen que vir de administracións superiores, Xunta ou Goberno cetral

-Podería dicirse que desde a corporación teñen deseñada unha folla de ruta sobre os puntos necesarios a tratar?

Hai prioridades. Como xa dixen, as novas tecnoloxías, non podemos quedar atrancados nese terreo. Tamén a promoción de compra e rehabilitación de vivendas para parellas novas, pois temos un parque de vivenda abandonada cuxo custe non sería maior que o dun piso nun lugar urbano. Por tanto, axudas para fixar xente nova que poida ter fillos aquí. Con iso tamén apunto ao noso desexo de reabrir o colexio que pecharon en 2015 porque daquela había nove nenos e nenas. Sería bo volver a ter os servizos de cada concello.

-Aínda así, que sectores económicos empurran a actividade empresarial en Ourol e que outros sectores lle gustaría ter no seu municipio?

Hai persoas que alugan terreos para muíños eólicos e xeran ingresos. Á parte de persoas que traballan fóra do concello en empresas, están os sectores de madeira e gandería de carne. Agricultura non hai. Xa indo ao concreto, tendo a masa forestal que temos, sería bo a instalación dunha industria para a transformación da madeira. Tampouco podemos descoidar o sector da carne, pois temos a materia prima aquí onde se podería transformar tamén.

Os concellos como Ourol deberan ter uns extras para poder fornecerse duns servizos que xa teñen localidades con maior orzamento

-Van realizar obras nas vías de comunicación interna ou crearán outras novas?

Desde que chegamos á alcaldía en 2015 levamos un investimento moi importante en mantemento das vías. Mesmo agora estamos en plena execución do Plan Único da Deputación de Lugo con valor de 172.000 euros. Todos os anos realizamos un investimento de 220.000 euros a través do Plan da Deputación en mellora e arranxo de vías. Tamén temos a subvención de AGADER por case 60.000 euros. Con estas subvencións facemos fronte a un gasto anual moi importante en canto infraestrutura viaria. Certo é que non podemos chegar a todos os lugares á vez, así que se van facendo actuacións puntuais en todas as parroquias. Tamén debemos ter en conta que o tráfico de madeira, un tráfico pesado, deteriora máis axiña o firme das estradas.

-Sobre as comunicacións co resto do territorio, Ourol necesita de máis infraestruturas ou non?

Xa hai anos que se falaba do corredor de San Cosme (Barreiros) a Ferrol, non sei porque só se ve a variante feita en Xove, a pesar de terse falado de planos e proxectos. Cando se anunciou en Viveiro que se ía facer unha variante, mais para Ourol a falta de boas comunicacións é un obstáculo para as empresas que queiran instalarse aquí. Temos unha estrada nacional ata Cabreiros que parece ser van facer obras eliminando curvas, interseccións e carril para adiantar, porque hai zonas onde non se pode adiantar ata o Concello de Muras. En definitiva vexo que Ourol non está debidamente comunicado co resto do territorio. Téñolle envexa sá ao Concello de Vilalba por estar debidamente comunicado, con boas infraestruturas, xa quixera ter a metade de comunicacións de Vilalba para Ourol. Había que gañar un pulso á zona costeira e mellorar todo, porque a nacional que pasa por aquí sempre a recordei así. No momento en que estamos deberíase mellorar todo, mesmo para Alcoa, que teño esperanzas en que se arranxe positivamente a súa situación, sería beneficioso a melloría das infraestruturas.

Vexo que Ourol non está debidamente comunicado co resto do territorio

-Cales son as accións que emprenderán para poñer en valor todo o patrimonio cultural e natural do concello?

Estamos niso, porque polo de agora aínda non lle puxemos toda a atención debida. O motivo foi ver unha serie de deficiencias existentes cando chegamos ao concello. Ese diñeiro que iría cara o patrimonio debe axudar a actuacións prioritarias como subministración de auga, luz ou obras públicas. A partir do ano que vén iremos buscando as axudas necesarias para a conservación deste patrimonio, aínda así, xa realizamos algunhas actuacións mediante a Mancomunidade da Mariña.

-Este ano tocan primarias no PSdeG, cales son os pasos que debera dar o partido para chegar a máis votantes en Galicia?

De momento deixaremos iso aparcado. Quero ser cauto pois nin sequera sei que candidatos vai haber. Cando teña unha posición tomada direino senón seguirei reflexionando.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...