O Concello de Viveiro presenta a súa programación para estas festas de Nadal cunha oferta de actividades variada, ampla e con opcións para todas as idades. Á longa lista de propostas súmanse o Belén ‘Viveiro ante o Berce’, considerado un dos máis importantes de Galicia, os obradoiros para a infancia e a inauguración dende hoxe, martes, do mercado ‘A Trastenda de Nicomedes’.
“Nun Nadal por fin xa sen restricións pola pandemia, esperamos que con esta programación se cumpran os gustos de grandes e de pequenos. A nosa intención é facer unha programación familiar, pensada tamén nos máis cativos, os grandes protagonistas destas festas”, afirma María Loureiro, alcaldesa de Viveiro, que confía en “atraer numerosos visitantes para desfrutar do noso comercio e hostalaría en Nadal”.
“Dende a Concellería de Cultura desexamos a toda a nosa veciñanza unhas felices festas, que esperamos veñan cargadas de boas novas e, sobre todo, de moita saúde para poder afrontar o 2023 como se merece”, desexa Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura.
“Seguiremos a traballar en prol da cultura, da cultura feita en galego e en Galicia, e esperamos que como estes últimos anos a veciñanza sega desfrutando e participando en todas as actividades culturais de Viveiro, porque estamos moi orgullosos do pobo que temos”, subliña.
A primeira cita está sinalada xa para este xoves, día 22, a partir das 17.30 horas na carpa da Praza Maior. Alí estará o ‘Apalpador conta con nós’ de Caxoto. No mesmo lugar ás 19:00 horas, e no Belén de Santa María ás 20:00 horas, será a quenda da actuación da Coral Polifónica Alborada de Viveiro, que interpretarán ‘Panxoliñas na rúa’ dentro do programa Tradigalu.
O día 23, dende ás 21:00 horas, o Teatro Pastor Díaz acolle ‘Un conto por Nadal’ interpretado pola Banda Municipal de Música O Landro, con entrada de balde previa retirada en taquilla.
Serán varias tamén as propostas do Concello do Viveiro para o día 24 comezando polos Roteiros de Nadal no Vivertren, os Pasarrúas e Troula con ‘Espera que vou mexar’. A ‘Troula boa Noite’ na Praza Maior, xa pola tarde, amenizará a espera ata que Papá Noel reparta os agasallos dende as 19:00 horas saíndo dende Magazos a Lodeiro.
Continuarán as citas o día de Nadal cunha sesión vermú a cargo de ‘Toxo Guayaba’ e o mércores 28 vivirase unha gran xornada coa Gala da Maxia e a presenza de catro grandes magos internacionais no Teatro Pastor Díaz dende as 20:30 horas. Na programación de Nadal tamén hai espazo para o teatro para as crianzas co ‘O comenoites’ dos Náufragos o día 30.
A Troula de fin de ano na Praza Maior con ‘Los Alcántara’ e o pasarrúas da Banda Naval de Viveiro serán as propostas dos días previos á gran Cabalgata dos Reis Magos do día 5 de xaneiro. As súas Maxestades, que estarán acompañados polo pasarrúas da Banda da Misericordia, se dirixirán á veciñanza dende o balcón da Biblioteca Municipal antes da recepción real na Sala Multiusos do Concello.
A extensa programación do Nadal en Viveiro acolle como última cita o domingo día 8 de xaneiro a representación de Carlos Blanco no Teatro Pastor Díaz a partir das 18:30 horas.