O Concello de Viveiro acolleu esta mañá a presentación da nova campaña da Dirección Xeral de Tráfico de reparto de chalecos reflectantes por toda a provincia co obxectivo de axudar aos peóns a aumentar a súa visibilidade.
No acto estiveron presentes a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, xunto á subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, o xefe provincial de Tráfico, Ángel Álvarez; o xefe do Subsector de Tráfico de Lugo, José Miguel Martínez e aos axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, que comezaron o reparto dos 500 chalecos reflectantes que durará ata o mes de xaneiro.
María Loureiro subliñou a importancia deste tipo de xestos e chama a atención da veciñanza “para que tomen medidas de autoprotección que son especialmente importantes no inverno, cando o mal tempo fai que diminúa a luz e a visibilidade”. “Estes chalecos reflectantes son a mellor forma de facernos visibles, tanto no caso dos peóns como tamén dos condutores, e nos protexen para evitar accidentes”, insistiu a alcaldesa de Viveiro.
No acto destacouse o dato de que no que vai de 2022 rexistráronse 11 accidentes por atropelo nas estradas e travesías lucenses, o que supón un 42,2% menos con respecto ao ano pasado no que se contabilizaron 19. A esa cifra hai que sumar outros 46 atropelos en vía urbana, 32 menos que no 2021, un 27% menos en total.
Dende o Concello de Viveiro se chama a atención sobre a obrigatoriedade destes chalecos reflectantes para os peóns que circulen pola beiravía ou, de ser imprescindible, pola calzada, entre a posta e a saída do sol ou en condicións de visibilidade reducida, aínda que é moi recomendable o seu uso sempre que se teña que circular por estrada, a calquera hora do día. A Policía Local de Viveiro continuará coa entrega destes chalecos nos próximos días.