O PP de Viveiro apuntou este mesmo mércores día catro de xaneiro a posibilidade de que Xove ou O Vicedo fosen os lugares onde se instalasen as futuras dependencias Asociación de Pais e Nais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPANANE).
Segundo declaracións da alcaldesa de Viveiro a XdM, “ao señor Rodríguez xa lle mostramos en varios plenos todas as xestións realizadas sobre este asunto”. María Loureiro engade que só “con preguntarlle ao equipo directivo de Aspanane xa lle poden explicar todas as opcións que temos ofrecido desde o Concello a Aspanane”.
A primeira opción foi a de trasladar a Escola Oficial de Idiomas ao colexio vello de Celeiro, desta maneira ASPANANE podería ocupar o actual edificio da EOI. Con respecto disto, María Loureiro apunta que “si é certo que houbo trámites que se prolongaron no tempo, tres anos, algo desmesurado para nós”. Os motivos apuntados foron unha serie de xestións coa Tesourería Xeral do Estado. Finalmente conseguiuse a cesión do colexio vello de Celeiro para poder así traslar á EOI a Residencia de Aspanane.
Mais a dilación no tempo das xestións coa Tesourería tivo entre outras consecuencias, cambios na lei de mobilidade e nas condicións que debera ter un edificio das características que necesita Aspanane. Finalmente, o edificio da EOI non se adaptaba á nova lexislación
“Xunto con Aspanane buscamos outras opcións, mesmo fomos falar co bispo da diócese” sinala Loureiro, “coa idea de trasladar as instalacións ao convento de Valdeflores, mais a orde relixiosa e o bispado non eran moi receptivos”.
A continuación seguíronse buscando máis localizacións coa particulardidade de que Viveiro case non ten terreos municipais “e o PXOM non está aprobado. Unha das zonas miradas foi Lavandeiras, lugar onde actualmente está Aspanane. Alí si se podía crear unha residencia, mais os terreos foran cedidos por Costas ao Concello. “Consultamos como ceder un terreo que fora cedido, e aí foi que descubrimos que ao ser Aspanane unha entidade de xestión privada faise máis difícil crear un centro para esta asociación”.
Hai dez días, nunha reunión con Aspanane, estudouse ofrecer unha parcela no parque empresarial, “mais temos o mesmo problema, a parcela cumpre con todas as condicións so que o terreo ten unha serie de particularidades ás que se suma que Aspanane é de carácter privado, entón tería que ser cedido á Xunta”.
En tal caso, María Loureiro insiste en que as diferentes parcelas urbanas de titularidade municipal teñen cada unha as súas particularidades que poden atrasar a construción da residencia. Por outra parte, Loureiro apunta que “sabemos que xa falaron con outros concellos, mais Viveiro non ten un chan urbano para esta obra sen que se vexa afectada por diferentes particularidades que poden ser desde medioambientais, de subministración de auga ou terreos cedidos por outras institucións”.