A AAVV Casco Antigo de Viveiro volve reclamar máis atención na parte vella logo da reunión do Concello coas forzas de seguridade

Aseguran que houbo 103 actas da Policía Local nos anos do confinamento, mentres que en 2022 “non hai ningunha".

Praza Pastor Díaz (foto de arquivo). VIVEIRO.ES

A AAVV Casco Antigo de Viveiro indica nun comunicado que non convocou ningunha reunión, ante os últimos acontecementos e a “postura adoptada pola alcaldía e as declaracións falsas ante os medios de comunicación, vémonos na obriga de respostar unha vez máis ao equipo de goberno do Concello de Viveiro”.

A asociación destaca que eles só reclamaron os dereitos da veciñanza e “cumprimos deberes, mais non só como quere entendelos a alcaldía”. Aseguran que desde a asociación nin se solicitou nin se convocou ningunha reunión co Concello e que foi o goberno local quen “despois de verse nos medios de comunicación polo caso do botellón, lle urxiu convocarnos e citarnos para unha reunión”. A AAVV Casco Histórico de Viveiro considera que a reunión se convocou para eludir “a súa responsabilidade no tema xa que levamos moitas reunións nos mesmos termos”.

COMENTARIOS SOBRE A REUNIÓN

Logo da reunión do Concello coa Policía Nacional e a Local para reforzar a súa presenza no Casco Histórico, a Asociación de Veciños apunta que non quere desmerecer o traballo dos corpos de seguridade. Malia todo, para a plataforma veciñal cómpre aclarar algunhas cuestións como a referente ao consumo de alcohol na vía pública. Neste punto aseguran que houbo 103 actas da Policía Local nos anos do confinamento, mentres que en 2022 “non hai ningunha, entón, agora bébese menos na vía pública que durante o confinamento?

Das 39 chamadas por queixas derivadas do ocio nocturno no casco antigo, das intervencións policiais “soamente nun dos casos foi necesario emitir unha proposta de sanción por incumprimento do horario de peche dun establecemento”. Ao final preguntan que aconteceu coas 38 chamadas restantes.

A AAVV apunta entender que “os partidos políticos xa estean en modo precampaña, máis o resto da sociedade non atende a ese mesmo calendario e as urxencias coas que actúan uns e outros cando se achega a data”.

Finalmente, destacan a necesidade dunha boa convivencia entre toda a veciñanza de Viveiro e ademais, que a vila “se converta nun modelo de xestión que fomente a vida no casco antigo”. Por isto último, insta aos responsables políticos atender as problemáticas entre a veciñanza.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here