InicioOccidentalViveiroSamuel Fernández: "O casco antigo de Viveiro estase convertendo no borralleiro da...

Samuel Fernández: “O casco antigo de Viveiro estase convertendo no borralleiro da vila”

Samuel Fernández, vicepresidente da Asociación Casco Antigo de Viveiro, fala da sensación de inseguridade e de abandono que senten dentro da parte histórica de Viveiro. A Asociación rexeitou ir á última reunión sobre seguridade cidadá entre Policía Local, Policía Nacional e Concello, para abordar este tema. A preocupación entre o colectivo veciñal aumentou estes últimos días logo de que unha persoa mesmo chegase a sacar unha arma nun local da zona vella..

Publicada o

- Advertisement -

-A Asociación de Veciños do Casco Antigo de Viveiro, cando nace faino en base aos mesmos puntos que presentaron ao Concello tales como: ruído, inseguridade, botellón nas fins de semana e desperfectos?

Eses eran algúns dos temas entre outros máis. Un deles era o tema das gaivotas pois eran unha praga e aí si respondeu moi ben o Concello. Contratouse unha empresa que vén todos os anos para retirar os ovos destas aves, en definitiva ese tema solventouse moi ben. Logo está o tema das casas abandonadas que xa é outro punto á parte. Mais o fundamental é buscar unha solución para o ruído, algo que desmellora moito o casco antigo e fai que a xente non queira vivir aquí.

-A xente nova non se tiña desprazado cara a Covas deixando a zona vella de Viveiro nestes últimos anos?

A xente nova vai até Covas, mais logo acaban de madrugada no casco antigo a última hora. Isto trae como consecuencia que canto máis se alonga a noite máis ruído, máis borracheiras e consecuencias.

-Cando di última hora da mañá de que horario estariamos falando?

Entre as catro ou as cinco da mañá. Entre esas horas a xente vai chegando e logo a cousa vai intensificándose e mesmo saíndo das mans. Temos a noticia do que aconteceu coa aparición dunha arma. Unha persoa estivo de festa por Covas e logo, como fai a maioría, veu para o casco antigo e aí parece ser que sacou unha arma, disque sobre as cinco da mañá. Isto é un exemplo de como hai tanta permisividade, a pesar do que digan a alcaldesa e a Policía Local. Así, a xente está nun local ou noutro até moi tarde en bares de “mañaneo”.

o fundamental é buscar unha solución para o ruído, algo que desmellora moito o casco antigo e fai que a xente non queira vivir aquí

-Que son estes bares de “mañaneo”?

Locais que abre a partir das seis da mañá, ou se poden antes, para captar a xente que vén desde Covas. A Policía Local di que lles fan pechar á hora indo establecemento por establecemento en Covas, cousa que para nós é un desperdicio de tempo e recursos. Despois disto, van aos locais de “mañaneo” que son bares normais con música alta coa porta pechada e cun número elevado de persoas dentro. Estes feitos son coñecidos pola Policía Local e a alcaldesa e que miran para outro lado.

-Por que sinala o de que miran para outro lado?

Houbo unha reunión da alcaldía coa Policía Local, Policía Nacional e a subdelegada do Goberno, mais nós non fomos. Xa levamos tres ou catro reunións coa policía e o único que buscan é saír na foto. Estamos fartos de saír na foto e que nos utilicen para dicir que fan.

-Volvendo aos “bares de mañaneo”, deben ter algún tipo de permiso especial?

Non, son bares normais e a súa apertura é a partir das seis da mañá, mais para tomar cafés, nada máis. Temos enviados escritos ao Concello preguntando que tipo de licenza teñen este bares, pois son locais abertos desde os anos 1970s sen reformar, só cunha man de pintura, baños sen adaptar e locais sen aillamento sonoro. Aquí se a un bar non se lle cortou a auga e a luz pode abrir coa mesma licenza que xa tiña. Debo remarcar que son tres ou catro locais, non é toda a hostalaría de Viveiro que non temos nada en contra. Só queremos que se sancionen locais que non cumpren as normas e revisen licenzas.

-Existe a posibilidade de querer reunirse coa alcaldía de novo?

Si, mais para falarmos dos puntos descritos no documento que enviamos á prensa. Nese documento fixemos unha serie de preguntas que nunca nos contestaron. Había un proxecto de ordenanza sobre ruídos, chegou a pandemia e quedou nun caixón. Agora esa ordenanza non se pode aplicar, segundo di, por causa do PXOM. Se non pode aplicar esa ordenanza pode crear outra. Nós desexamos volver falar coa alcaldesa. Mesmo un responsable policial achegouse ao lugar onde está a sede da Asociación para falarmos sobre estes temas e a quen lle demos as nosas impresións. Nós dicimos que o traballo sancionador deben facelo eles.

Xa levamos tres ou catro reunións coa policía e o único que buscan é saír na foto. Estamos fartos de saír na foto e que nos utilicen para dicir que fan

-Outro problema que apuntan desde a Asociación é a ausencia de control do botellón?

Hai un matrimio de xente maior que sofre o ruído creado polas concentracións de xente nova que fai “botellón”, concretamente na rúa Felipe Prieto. Este caso xa aparecera hai catro anos nos medios e desde aquela aínda non se fixo nada. Coñezo o caso e ao matrimonio e teñen que ir durmir a unha cabana a case un quilómetro da súa casa. Tamén dicir que chegan patrullas da Policía Nacional e da Local e os mozos e mozas quedan alí como desafiando ás patrullas. Primeiro foxen da policía e logo, cando marchan as unidades policiais, volven. É como se se risen deles.

-A Asociación ademais de todo isto, teñen notificado prexuízos ao patrimonio histórico da vila?

Só hai que ir até a Porta da Vila e sentir o cheiro a ouriños, e por outras partes tamén. Outra vez un individuo colleu un bloque de cemento e comezou a petar polas portas e paredes, caso do que xa presentamos un escrito. Tamén están o desprazamento de contedores de lixo e outras accións similares. Non temos nada contra o ocio nocturno mais o que sucede é que se lles está indo todo das mans. O casco antigo estase convertendo no borralleiro da vila.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...