Miriam Bermúdez, portavoz do BNG no Concello de Viveiro
Non se pode máis que amosar preocupación polas recentes declaracións de forzas políticas de Viveiro, que amosan indiferencia ante a anómala situación que se está a vivir nos plenos, plenos que non se escoitan e impiden a correcta difusión pública e a intervención telemática, en definitiva, impiden executar a máis importante ferramenta democrática.
Non é un problema técnico “illado”, como tratan de excusar dende o equipo goberno, non hai máis que entrar na canle oficial do Concello de Viveiro en Youtube e intentar visualizar calquera pleno dos últimos tres anos; non hai quen sexa capaz de manter a atención para descifrar as psicofonías. Por que non se arranxan? Poida ser que haxa a quen non lle interese que se lles vexa nos plenos e prefiran saír na foto aparentando o que lles convén.
Constatamos con estas últimas declaracións que hai un novo grupo na oposición, o señor Bernardo Fraga, quen parece disposto a facerse ver 4 meses antes das eleccións municipais despois de 3 anos e medio de cogoberno. En prensa móstrase en contra da suba da auga, e no órgano legal onde se decide si se sube ou non, o pleno municipal, vota a favor. O que supón votar en contra da urxente necesidade de auditar a concesión e renegociar as condicións do contrato da auga, a única maneira de mitigar a suba deste imposto municipal.
Xa en febreiro do ano pasado, alertábamos do tarifazo da auga que se vía vir para este ano, de feito fomos a única forza que presentou alegacións en contra, consultando a técnicxs e avogadxs, así como tamén o BNG foi o único grupo que votou en contra e denunciou a situación de falta de control que este equipo de goberno ten sobre o contrato da auga, de non ser así, porque non entregan os controles anuais á concesionaria? Pois porque non existen, como no contrato do matadoiro, outra empresa privada campando ás súas anchas.
Fálase de precampaña, para algúns está claro que é o que importa, mais no BNG levamos 4 anos denunciando os problemas e propoñendo solucións, sempre con datos e así continuaremos. É responsabilidade do Goberno a xestión destes 4 anos, mais tamén o é para a oposición controlar a xestión do Goberno neste tempo.