InicioOccidentalViveiroViveiro incorpora novos fondos á súa Biblioteca Municipal chegando case aos 20.000...

Viveiro incorpora novos fondos á súa Biblioteca Municipal chegando case aos 20.000 libros

"Dende a Concellería de Cultura traballamos por ofrecer o mellor servizo á veciñanza, responder a todas as súas inquedanzas e necesidades”, afirma Lara Fernández, concelleira de Cultura.

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Viveiro pon en valor o servizo que presta a Biblioteca Municipal como fonte de cultura e formación, con case 20.000 volumes, salas de lectura e de estudo, aula de informática e wifi gratuíta en todas as instalacións.

A incorporación de fondos é unha das prioridades, logrando no ano 2022 achegar 379 novos libros ata alcanzar a cifra dun fondo total de 19.445 exemplares. A este dato hai que sumarlle as 1.200 publicacións periódicas de xornais e revistas.

Dende a Concellaría de Cultura se reafirma día a día o seu compromiso con este centro, traballando non só na súa constante renovación de fondos, senón abrindo as súas portas a iniciativas, proxectos culturais, e subliñando o seu papel tamén como centro de estudo.

Neste último punto é clave a flexibilidade e amplitude de horarios, abrindo as súas portas de luns a venres, de 08:30 a 15:00 horas e de 16.30 a 20.30 horas, e os sábados de 10:00 a 14:00 horas. En verán o horario é de 08:00 a 15:00 horas de luns a venres.

“Son moitas as persoas que elixen cada día a Biblioteca Municipal para estudiar pola comodidade das súas instalacións e os servizos que ofrecemos”, subliña a alcaldesa, María Loureiro.

O actual edificio da Biblioteca Municipal, inaugurado o 27 de marzo de 2013, conta con espazos amplos e luminosos que chaman á lectura e ó lecer. Así o reflexan cifras como o importante incremento de usuarios no último ano, con 165 novas altas, o que fai que ata 2.151 veciños e veciñas de Viveiro conformen xa a comunidade de usuarios deste foco de cultura da vila. A actividade é constante nunha biblioteca que superou os 5.400 préstamos de exemplares no 2022.

“Non podemos estar máis orgullosos destas cifras. Dende a Concellería de Cultura traballamos por ofrecer o mellor servizo á veciñanza, responder a todas as súas inquedanzas e necesidades, e nesta liña seguiremos porque entendemos que é un dos mellores xeitos de achegar á cultura a todas as casas da vila”, afirma Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura.

O centro tamén alberga diversas exposicións de libros e serve de punto de encontro nas conmemoracións de datas tan sinaladas como o Día do Libro, o Día das Letras Galega, o Día das Escritoras, da Muller Traballadora, o Día Internacional da Muller a da Nena na Ciencia, da Poesía ou o Día do libro infantil.

“Tamén neste último ano levamos a cabo moitos obradoiros como o de “As mulleres que nos constrúen”, co obxectivo de unir a figura de Rosalía de Castro coa historia das orixes de cada persoa, ou o de bolsas con debuxos e textos de Florencio Delgado Gurriarán con motivo do Día das Letras Galegas”, recorda Lara Fernández Fernández-Noriega, quen tamén sinala o labor do Club de Lectura en Feminino “para poñer en valor a obra das mulleres escritoras”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...