O Concello de Viveiro publica as bases do V Premio de Novela Vilar Ponte, unha cita xa tradicional dentro de axenda cultural da vila que naceu co dobre obxectivo de lembrar aos escritores Antón e Ramón Vilar Ponte e difundir a literatura en lingua galega.
“Estamos moi orgullosos do percorrido que tivo este certame dende o seu inicio e do papel que xoga para dar visibilidade á lingua galega e a toda a nosa cultura”, subliña a alcaldesa, María Loureiro. “Dende o Concello de Viveiro animamos a todos os escritores e escritoras a participar”, engade a rexedora.
Como en anos anteriores, as bases recollen que todas as obras que se presenten deben ser orixinais e inéditas, escritas en lingua galega e cunha extensión e temática libre. Cada orixinal será presentado en catro copias en papel, sen sinatura pero con título e lema en sobre pechado.
O prazo de presentación acabará o próximo 30 de xuño e o lugar para enviar os orixinais será o Concello de Viveiro, facendo constar no exterior “Para V Premio de Novela Vilar Ponte”.
Establécense dous premios: un primeiro dunha contía de 4.000 euros e un segundo de 1.000 euros, coas súas correspondentes pezas de cerámica e diplomas. O acto de entrega terá lugar no Teatro Pastor Díaz.
Na pasada edición resultaron gañadores Irene Rega Jul pola súa obra ‘Tecendo Redes’, con Francisco Antonio Vidal Blanco, coa súa obra ‘As cartas do desarraigo’, como finalista.