InicioOccidentalViveiroMaría Loureiro: "en Viveiro estamos sen pediatras e nunca tivemos unha situación...

María Loureiro: “en Viveiro estamos sen pediatras e nunca tivemos unha situación así e para unha poboación de 15.500 habitantes hai dous médicos”

María Loureiro repasa nesta entrevista unha serie de puntos da política local viveirense. A poucos meses das eleccións locais, Loureiro fai un repaso dos aspectos máis destacados na política local durante os últimos tempos. Desde a posición do concello dentro do ámbito turístico galego, pasando pola vida na zona histórica da vila e as cuestións relativas ao PXOM local e a variante para a conexión co resto do norte de Galicia.

Publicada o

- Advertisement -

-Esta pasada semana púxose en marcha unha aceleradora de PEMES e autónomos co obxectio de adaptarse ás novas tecnoloxías. Como se desenvolverá o funcionamento desta plataforma?

O Concello de Viveiro asinou un convenio coa Deputación de Lugo para axudar na transformación dixital das PEMES e tamén autónomos. Así poderán actualizarse coas novas tecnoloxías. A idea é levar adiante unha formación a pé de rúa. É certo que o Concello terá unha oficina para que, quen desexe, poida achegarse até alí, mais o proxecto está máis pensado cara a formación directa con dúas técnicas que acudirán aos establecementos para formar e explicar todo canto leva a transformación dixital. Tamén estamos pendentes de reunirnos coa Asociación do Casco Histórico e por último, aquelas PEMES e autónomos que non estean vinculados a ningunha asociación teñen dereito a recibir información. Por iso digo que é unha grande oportunidade para todos, así evitamos o descoñecemento sobre estas novas ferramentas e nos poñemos ao día.

-O doce de febreiro é a manifestación en Compostela a favor da sanidade pública. Viveiro pon autobuses para quen queira ir participar. Estará vostede alí?

Si, participarei o mesmo que participei en todas as manifestacións. A sanidade é un dereito e como tal non podemos deixar que se vexa afectada cada vez máis. Estámolo vendo na comarca da Mariña, e concretamente no Concello de Viveiro estamos sen pediatras e nunca nos temos visto nunha situación así, para unha poboación de 15.500 habitantes hai dous ou tres médicos. No verán, cando a poboación se triplica, tamén houbo momentos en que só había un médico. No PAC, que recolle Viveiro, Ourol e O Vicedo, tampouco hai médicos. Isto xa o levan reivindicando desde hai anos a Plataforma SOS Sanidade Pública A Mariña e tamén os alcaldes e alcaldesas, sobre todo desde que suprimiron a área sanitaria da Mariña, con isto retrocedemos polo menos 30 anos. Antes podías facer consultas en Burela mais agora tes que ir directamente a Lugo, o mesmo que hai 30 ou 40 anos. Insisto que a sanidade pública é un dereito constitucional e que non pode estar truncado cada vez máis a favor da sanidade privada. Por iso o Concello de Viveiro pon autobuses para que, quen queira, poida estar nesa reivindicación. Nós estaremos tamén alí.

O Concello de Viveiro asinou un convenio coa Deputación de Lugo para axudar na transformación dixital das PEMES e tamén autónomos

-Ante todo isto, cales foron os remedios que se puxeron por parte das autoridades sanitarias primeiro, á falta de médicos e logo á falta de pediatras.

Xa nos temos reunido coa Xerencia de Lugo desde o Concello. A explicación que nos dan é a de eludir responsabilidades, bótanlle a culpa ao goberno do Estado porque como non é a mesma cor que a da Xunta sempre é moi doado botarlle a culpa. Tamén nos din que ninguén quere vir a Viveiro, ou neste caso á Comarca da Mariña. Cremos que non é certo, pois se lles ofrecesen uns salarios e contratos e condicións que merecen, non se irían. Calquera concello da comarca é idóneo para vivir e instalarse aquí. Insisten en que non queren vir e aínda así moitos médicos vanse de Galicia precisamente polas condicións laborais. Ese é un problema de investimento, hai que investir en sanidade pois se se inxectasen os medios necesarios a cousa cambiaría.

No verán, cando a poboación se triplica, tamén houbo momentos en que só había un médico. No PAC, que recolle Viveiro, Ourol e O Vicedo, tampouco hai médicos.

-Outro tema é o da variante de Viveiro, a conectividade de toda a comarca. Hai uns días desde o Concello pedían que a Xunta non lle bote a culpa ao consistorio viveirense polo atraso da variante. Cal é o problema real detrás da non concreción desta variante viaria?

Penso que por unha parte hai falta de interese. Non se pode botar a culpa un ano si e outro tamén ao Concello de Viveiro e todo o demais relacionado coa Vía de Alta Capacidade da Mariña (VAC). Xa o dixemos en varias ocasións, había un trazado aprobado e consensuado tanto pola corporación do Concello de Viveiro en 2009 como pola Deputación de Lugo e o Consello da Xunta, todo cos informes pertinentes de impacto ambiental. Houbo un cambio de goberno e de súpeto sen falar co alcalde, daquela Melchor Roel, e sen comunicación previa chegou unha caixa chea de planos, cun documento enorme onde nos comunicaban que era o novo trazado. Evidentemente, todo isto sen consensuar, sen informes de impacto medioambiental, en definitiva, era un pretexto para non facelo. Os veciños afectados, porque había moitos e moitas veciñas afectadas xa polo trazado inicial, denunciaron e nós apoiámolos. Aínda así, en todo este tempo non houbo vontade por parte da Xunta de Galicia de falar con nós, simplemente chegou ese documento. Nós reivindicamos reunións para que nos explicasen e non había vontade. En 2018 chamaron da Xunta, fomos até alí eu máis o tenente de alcalde, para dicirnos que había posibilidades de facer unha ponte, que se a queriamos. Aínda que a min me parecía unha aberración, pedimos informes técnicos medioambientais, como sería o enlace, que gañariamos con esa ponte e se cumpriría cos obxectivos e a día de hoxe tampouco nos enviaron nada. Coido que son pretextos para non facelo. Por tanto, non se pode dicir que por culpa do Concello de Viveiro non hai unha VAC, porque iso é enganar aos veciños e mentir. Tivemos unha oportunidade moi boa, que foi a crónica dunha morte anunciada, que foi a autovía do Cantábrico e ao fnal pasou por Vilalba. A partir de aí foi todo en decadencia, as industrias vanse da comarca, non temos boas infraestruturas e todo a raíz de todo iso. Creo que é unha falta de vontade e non de orzamento, porque se se pode crear un orzamento para outro lugar, tamén se pode facer para a comarca da Mariña. Tampouco deberan usar as institucións, neste caso a Xunta de Galicia, aínda que gobernada polo PP, é unha institución pública, gobernan para todos os galegos e galegas, non só para quen vota ao PP. Non se poden usar as institucións para beneficio político, xa o fixeron hai catro anos en campaña electoral, volven facelo agora e iso non se pode tolerar. A Xunta de Galicia pagámola entre todos e todas, incluíndo os veciños e veciñas de Viveiro e da comarca da Mariña.

-Cal será o motivo de culpar a Viveiro cando hai outros concellos que necesitarían mellorar as comunicacións cara Ferrol?

Tamén se poden facer tramos sen ter que pasar por Viveiro, mais neste caso nos impuxeron un trazado que evidentemente non estabamos de acordo, e menos os veciños e veciñas de Magazos por ser a parroquia máis afectada, foi por iso que reivindicamos en varias ocasións. Mais iso foi un pretexto para non facelo e como non queren levalo adiante usan o recurso máis doado que botar a culpa ao Concello de Viveiro. Tamén por semor de cor política diferente élles moito máis doado.

-Mirando para a autovía do Cantábrico, cal foi a explicación que se deu para o desvío cara Vilalba?

Xa hai tempo diso, mesmo en Viveiro había un alcalde da mesma cor política, eu era moi nova. A hemeroteca está aí, porque neste caso era a mesma cor política no Goberno central, na Xunta, na Deputación e no Concello.

-Ofreceron outros trazados ademais desa ponte?

Da ponte non nos dixeron nada novo. Estamos agora co PXOM e desde a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), díxosenos que deberiamos introducir un trazado. Nunha reunión entre todos os voceiros da corporación, decidimos que para non atrasar máis o PXOM, metemos o trazado que nos impuxeron. Por tanto, nós desde o Concello impedimentos ningún, todo o contrario.

Non se pode botar a culpa un ano si e outro tamén ao Concello de Viveiro e todo o demais relacionado coa Vía de Alta Capacidade da Mariña (VAC)

-Viveiro participou na Feira Internacional de Turismo (FITUR). Que aspectos de Viveiro se resaltaron máis como destino turístico e cales foron os resultados desta feira para o Concello?

En todas as feiras ás que asistimos, desde a Concellaría de Turismo, sempre apostamos por promocionar Viveiro nas feiras porque son plataformas importante onde contactar con touroperadores. Aínda que Viveir é turístico, en determinadas épocas do ano xa hai xente na Semana Santa, unha celebración máis que consolidada co seu propio peso e logo está o verán. O certo é que queremos desestacionalizar o turismo e así, desde o 2015 hai un proxecto desde a Concellaría de Cultura de promocionarnos nas feiras. A raíz diso, é un traballo de fondo do cal xa estamos recollendo resultados. A esta idea tamén se uniron outros concellos, porque o Concello de Viveiro até hai pouco ía só a este tipo de encontros. Logo sumáronse outros municipios da comarca que é algo realmente bo, aí temos o exemplo da Feira de Londres e Fitur. Nesta última, á parte de promocionar o noso concello tanto coa Mancomunidade como a Deputación, neste caso a Xunta fixo unha presentación de Festas de Interese Turístico Nacional, onde tamén participamos coa Semana Santa. A raíz diso temos varios proxectos mais é certo que xa saiu un, que Viveiro forme parte da primeira ruta de trens turísticos de Galicia. É o resultado dos contactos da Concellaría de Turismo co touroperador que leva isto, por iso para nós é outro medio de promoción de Viveiro.

-Sobre o PXOM, está xa operativo ou quedan pasos para telo en funcionamento?

Co PXOM levamos 10 anos coa aprobación inicial. Houbo atrancos polo medio do camiño en diferentes administracións. O PXOM elabórase e logo debe ser validado por diferentes organismos, neste caso en Augas de Galicia estivo dous anos, en Patrimonio un ano e medio, é dicir, si é certo que non había interese de que saíse para adiante, isto pódese corroborar cos informes. Tamén hai quen di, como desde o PP, que a parálise do PXOM é culpa do goberno municipal. O Concello elaborou o documento e despois debe informar ás diferentes administracións. Tamén podemos ver que aqueles requerimentos desas administracións con respecto ao PXOM, o Concello enviouno coa maior brevidade posible, cousa que non foi tal da Xunta de Galicia, os datos están aí. Desde o goberno local tomamos diferentes iniciativas, desde a denuncia pública e mesmo fixemos unha rolda de prensa cos voceiros doutra corporación para reivindicar o noso Plan Xeral, mais tamén pedir celeridade. Á parte, decidín deixar discrepancias políticas e traballar nos despachos para que saíse adiante. É dicir, presentamos diferentes posturas para sacar adiante o PXOM e mesmo de consenso, iso incluía o trazado da variante que a Xunta nos impuxera. Agora mesmo está na última fase, está para a aprobación provisoria, dependente da AXI, e desde o Concello mostramos vontade, pedimos reunións para facer o que nos din e acurtar tempos.

-Non obstante, son varias as queixas de grupos da oposición apuntando ao mesmo Concello de escudarse no PXOM para non efectuar unha serie de obras como, por exemplo, a ampliación dalgunhas rúas. Cales son as dificultades para levar adiante estas obras?

Calquera dos voceiros sabe que estamos cunhas normas provisorias, obsoletas, que nos restrinxen en absolutamente todo. Esas normas, que son restrictivas e que crearon unha suspensión provisoria xa de quince anos, xa podemos imaxinar. Isto non é unha decisión da alcaldesa porque non se pode polo PXOM; dino os técnicos, non eu, cando non se pode ampliar rúas, cando non se poden construír determinados edificios ou determinadas vivendas pois as normas non o permiten, por tanto é unha cuestión técnica. Por iso digo que hai voceiros da corporación municipal, algúns son técnicos, que coñecen todo isto. Non obstante, ás veces prima o interese político e neste caso, electoral.

Co PXOM levamos 10 anos coa aprobación inicial. Houbo atrancos polo medio do camiño en diferentes administracións

-Hai pouco houbo unha reunión entre Policía Local, Policía Nacional e Concello para abordar a situación do casco histórico en canto ruídos e molestias á veciñanza. Cales foron os temas tratados nesa reunión e como se tratarán no futuro as molestias que veñen denunciando os veciños do casco histórico?

Se atendemos ás enquisas, Viveiro é un dos concellos con menor número de casos delictivos segundo as comisións de seguridade dirixidas pola subdelegada do Goberno, quen coas forzas de seguridade establecen estes datos. Si é certo que nas áreas onde se xunta xente nova de madrugada as fins de semana, hai ruídos que poden molestar, ou tamén algúns actos vandálicos, non digo que non. Isto non acontece todas as fins de semana, mais desde logo que estamos cos veciños. Desde o Concello de Viveiro o que se fai é reforzar a presenza da Policía Local e tamén se reforza a presenza da Policía Nacional. Dicir que cando se cometa un acto vandálico e non haxa presenza policial, pódese chamar para que acudan nese momento. En xeral, a cuestión mellorou, non hai botellóns como había en determinadas épocas, non quita que poida haber algúns que o fagan, mais non podemos ter unha dotación permanente no casco histórico porque tempos poucos policías por quenda para todo o concello. Aínda así vaise dúas ou tres veces por noite até esa zona, temos controlado o peche de horarios en locais, a policía, e con foto ademais, controlan que pechen á hora estipulada. Nós, insisto, estamos cos veciños e durante a reunión coas forzas de seguridade púxose sobre a mesa a busca de novas solucións e controlar máis as aperturas e peches de locais. Insisto que estamos cos veciños mais tamén digo que nós estamos reforzando a seguridade nesa zona.

-Tamén está o tema de Aspanane. Hai xa unha ubicación para este colectivo ou aínda se segue buscando?

Volvemos á falta de PXOM. O Concello de Viveiro a día de hoxe non ten un terreo urbano que reúna as condicións. Os lugares que lles ofertamos teñen un condicionamento, están afectados porque no seu momento foron cedidos por Costas. Os terreos que ofertamos e resultaban ideais, tiñan unhas condicións. Eses condicionantes eran que o Concello pode ceder para unha residencia pública, neste caso como é unha residencia xestionada por Aspanane, non podemos facelo. Se fose unha residencia xestionada pola Xunta o terreo sería cedido inmediatamente. Son complicacións que temos e non as inventou ninguén. Miramos todo tipo de terreos, mesmo co equipo directivo, eles saben que o miramos todo porque desexamos a súa permanencia. Aspanane, as naves que teñen e o lugar onde está o centro de día son cedidos polo Concello, por tanto non se debera dubidar da implicación municipal con Aspanane. Mesmo agora asinamos un convenio de colaboración coa Deputación para arranxar un problema de filtracións dentro da nave e que vai facer o Concello. Non obstante, hai unha normativa que debemos respectar e agora mesmo non temos un terreo que lle poidamos ceder sen condicionantes. Obviamente, confiamos que queden en Viveiro porque teñen o centro de día aquí, o Concello implícase moito con eles, outorgámoslles unha subvención de 15.000 euros, por tanto non hai dúbida da implicación deste Concello con Aspanane.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...