O Concello de Viveiro acolle este mércores, día 15, a presentación oficial do Selo de Correos dedicado a Maruja Mallo dentro da serie “Mujeres en el Arte”.
A cita, que se desenvolverá a partir das 12:00 horas no Salón Multiusos, forma parte do programa de actividades do Concello por mor do Día Internacional da Muller e da continuidade aos actos de celebración do 120 aniversario do seu nacemento iniciados hai un ano.
Correos emite este selo poñendo en valor a figura dunha das maiores expoñentes do cubismo e o surrealismo en España, que formou parte do grupo de mulleres artistas denominado ‘Las Sinsombrero’.
Exemplo de compromiso, rebeldía, transgresión e loita pola igualdade, Correos elixiu a Maruja Mallo para esta colección de #8MTodoElAño, dedicada a figuras emblemáticas na defensa dos dereitos da muller como Clara Campoamor, Isabel Zendal, Almudena Grandes ou Concepción Arenal.