O Concello de Viveiro, a través da súa Concellería de Turismo, organizou de novo esta Semana Santa unha serie de visitas guiadas con percorridos panorámicos e rutas de sendeirismo polo municipio. Xa está aberto o prazo de inscrición.
Estas actividades teñen un carácter gratuíto e un aforo limitado, polo que é precisa a confirmación previa da reserva a través da dirección de correo electrónico viveirovisitas@gmail.com. A saída de todos os itinerarios terá lugar na Estación de autobuses de Viveiro.
O programa de rutas de sendeirismo e percorridos panorámicos da Semana Santa 2023 de Viveiro inclúe nove propostas que comezan o sábado día 1 de abril coa Ruta dos Muíños de Balea e o domingo 2 de abril co Vivertren de Covas a Celeiro, ambos ás 16:00 horas.
Ás 11:00 horas é a hora de saída do Percorrido panorámico ao Souto da Retorta do luns día 3, a Ruta polo paseo fluvial do Río Landro do 4, e a Visita ao Complexo Regal-Xunqueira do mércores 5 de abril. O xoves 6 de abril ás 16:00 horas está organizada a Ruta do Monte San Roque, mentres que ao día seguinte repite, á mesma hora, o Vivertren de Covas a Celeiro.
A programación péchase o sábado 8 de abril coa Ruta dos Muíños de Balea e o domingo 9 co Percorrido panorámico ao Cargadoiro da Insua. Os dous con hora de inicio ás 11:00. O Concello de Viveiro facilita o mail viveirovisitas@gmail.com para consultar ou ampliar a información sobre calquera das rutas.