A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou este xoves o campamento xuvenil ‘Area’ de Viveiro, que será un dos lugares onde se desenvolverá a Campaña de Verán da Xunta de Galicia. Nesas instalacións e nos seus arredores, explican nun comunicado, levará a cabo un campamento de natureza, con actividades de concienciación ambiental e náuticas.
En total, terán lugar cinco quendas diferentes entre os meses de xullo e setembro, e no tres primeiras os mozos convivirán cos que veñan do País Vasco, A Rioxa e Castela-León.
A programacion inclúe actividades de vela, windsurf, wakeboard, kaiak, slacline praia, paddle surf, cometas de tradición, pas, volei praia e excursións. Por iso, para ser admitido no campamento é necesario saber nadar.
Baixo o título ‘O verán que sempre vas lembrar’, a Xunta oferta unha programación estival con máis de 11.200 prazas entre campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos e outras propostas.
As familias poden consultar na páxina web de Xuventude toda a información sobre os campamentos. O período para solicitar praza abrirase o próximo 18 de abirl, tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Estas deberán realizarse por sede electrónica e o prazo permanecerá aberto durante dez días.
A responsable de Política Social tamén aproveitou a súa visita a Viveiro para pasar parte da mañá con usuarios e persoal da residencia de maiores Betania. O centro, de iniciativa social, conta con 130 prazas para persoas dependentes e autónomas.