Viveiro é este ano un dos concellos que participan no ‘XV Foro Comunicación y Escuela’, baixo o lema ‘El valor del medio rural’, impulsado polo Instituto de Educación Secundaria ‘Elisa y Luis Villamil’ de Vegadeo.
O Concello de Viveiro terá mañá un papel protagonista coa visita dun grupo de 45 estudantes de 1.º de Educación Secundaria, xunto aos seus profesores, para desfrutar da actividade ‘Vegadeo-Viveiro: unidos por el tren’ que incluirá diferentes actos.
Tras ser recibidos pola alcaldesa María Loureiro no concello, coñecerán o casco antigo de Viveiro, declarado Conxunto Histórico Artístico, o porto de Celeiro, un dos portos pesqueiros máis importantes da cornixa cantábrica, e farán un traxecto no ViverTren que os levará ata Covas e os seus Castelos.
A alcaldesa de Viveiro agradece aos organizadores do foro que elixisen Viveiro para formar parte do programa e aplaude a continuidade deste proxecto que, dende o ano 2009, desenvolveu 763 accións en diferentes puntos de España e do estranxeiro, ademais de contar coa presenza de destacados poñentes.