Parkway Drive, Ghost, Pantera e Slipknot encabezan o cartel da edición de 2023 do Resurrection Fest Estrela Galicia que se celebrará en Viveiro entre o 28 de xuño e o 1 de xullo e que acollerá a unhas 140.000 persoas.
Esta é a primeira edición do festival con catro xornadas de música e catro escenarios abertos desde o primeiro día. O mércores, os escandinavos Ghost darán o sinal de saída ao festival, xornada na que tamén tocarán outros grupos como Behemoth, The Ghost Inside, Motionless In White ou Dead By April.
O xoves será Pantera a gran actuación da xornada, que contará con artistas como Powerwolf, Alterbridge ou Elegant Weapons. Os americanos Slipknot volverán ser as cabezas de cartel do venres, día no que se subirán aos escenarios de Viveiro outras bandas como Nervosa, Megara, Wind Rose ou Papa Roach. A última gran actuación, o sábado, correrá a cargo do Parkway Drive, que compartirá día con Architects ou Polar.
NOVIDADES DE 2023
Segundo informaba a propia promotora, o Resurrection deste ano trae varias novidades. Unha das que máis interese espertou en redes sociais foi a de contraer matrimonio durante a celebración do festival. Para iso, habilitarán unha igrexa no interior do recinto.
Outra das novidades é o ‘Resurrection Fest Boulevard’, “unha homenaxe ás salas de concertos e ás tendas de discos nas que naceu a cultura do rock”, situado no Resurrection Fest City e que reunirá diversas actividades e experiencias con música en directo.