O Concello de Viveiro acolle de novo este sábado, día 15 de xullo, a Festa da Merluza de Celeiro, declarada de Interese Turístico Autonómico. A festa, que supón un dos eventos gastronómicos máis importantes da comarca poñendo en valor un dos produtos de máis prestixio da gastronomía galega, celébrase de novo grazas a unha carpa de grandes dimensións financiada polo concello.
A esixencia por parte de Portos de Galicia de cobrar unas taxas desmesuradas aos membros da Asociación Cultural e Deportiva Penalba para poder albergar a festa neste recinto, volveu ameazar a que sería a súa 24.ª celebración.
“Lamentamos profundamente a postura de Portos. A Festa da Merluza é unha das celebracións gastronómicas máis senlleiras de Galicia, un produto estrela non só para a gastronomía galega, senón clave tamén na economía do país e non comprendemos que se subestime deste xeito”, subliña a alcaldesa María Loureiro.
“Estamos na obriga, unha vez máis, de facer todo o posible para que se leve a cabo xa que é unha das citas máis importantes do ano en Viveiro, unha xornada que axuda á dinamización da nosa economía local e do sector servizos, así que volveremos a asumir o coste da carpa para que se poida manter a súa celebración tamén este ano”, engade a rexedora.
A Festa da Merluza está organizada pola Asociación Cultural e Deportiva Penalba coa colaboración do Concello de Viveiro, da Cofradía de Pescadores de Celeiro, que doa a pescada precisa para as diferentes elaboracións, xunto ao grupo empresarial Puerto de Celeiro, ademais do apoio da Deputación de Lugo.
O mesmo día da festa, cocíñase a pescada en oito especialidades diferentes, con algunha das recetas dirixida ao público infantil. Tamén é imprescindible a axuda dos veciños e veciños de Celeiro, que cada ano participan activamente no cociñado das diferentes receitas para a exaltación deste produto.