InicioOccidentalViveiroA ría de Viveiro e o núcleo de Celeiro poderían estar saneados...

A ría de Viveiro e o núcleo de Celeiro poderían estar saneados este verán, segundo a Xunta

Tanto a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, como o conselleiro de Mar, Alfonso Villares, sinalaron que o investimento nestas obras é de 8 millóns de euros.

Publicada o

- Advertisement -

A Xunta avanza que as actuacións proxectadas para o saneamento da ría de Viveiro e do núcleo de Celeiro estarán rematadas este verán, logo dun investimento autonómico de case 8 millóns de euros. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañados do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, supervisaron hoxe as obras de mellora do saneamento de Celeiro, que se atopan, dixeron, na súa recta final.

A conselleira de Infraestruturas puxo en valor o esforzo realizado pola Xunta para solucionar os problemas do sistema de saneamento e depuración das augas residuais de Viveiro e de Celeiro, pois, a pesar de ser unha competencia municipal, a Administración autonómica asumiu os trámites e o financiamento íntegro das actuacións.

En presenza dos representantes da Confraría de Pescadores de Celeiro, Ethel Vázquez lembrou a importancia da calidade das augas para o medio ambiente e para a calidade de vida dos veciños, ademais de para as actividades económicas como o turismo e, sobre todo, a pesca e o marisqueo.

Lembrou que o núcleo de Celeiro ten unha rede de saneamento municipal unitaria na que se mesturan as augas residuais domésticas coas industriais e as pluviais e son vertidas á ría sen pasar pola depuradora, recibindo só un pretratamento. Así, as augas tratadas na depuradora mestúranse coas augas só pretratadas de Celeiro e chegan ao mar en condicións biolóxicas mellorables.

Para solucionar esa situación, a Xunta deseñou dúas actuacións, a primeira das cales, consistente na mellora e ampliación da depuradora, está xa rematada e en servizo desde hai varios meses. Ethel Vázquez explicou que esa intervención, á que o Goberno galego destinou 4 millóns de euros, permitiu optimizar a planta e incrementar nun 50% a súa capacidade, de forma que, ademais de tratar as augas de Viveiro, poida asumir tamén a depuración das procedentes do núcleo de Celeiro.

Esa actuación incluía a renovación do pretratamento, polo que foi posible introducir xa unha mellora nas condicións de vertido das augas de Celeiro.

Para conseguir o obxectivo final, de incorporar esas augas residuais de Celeiro ao tratamento completo na depuradora, a Xunta deseñou unha segunda actuación, que supuxo tamén o investimento de case 4 millóns de euros.

A conselleira explicou que as obras do saneamento de Celeiro e de mellora da condución de vertido submarina da depuradora de Viveiro requiriron dunha tramitación moito máis longa e complexa, debido ás dificultades atopadas para obter a autorización da Dirección Xeral da Costa á execución do novo emisario.

Estas obras consistiron na construción dun conxunto de infraestruturas destinadas a recoller as obras residuais de Celeiro e xestionalas axeitadamente ata conducilas á depuradora para o seu completo tratamento. En concreto, proxectouse a execución da mellora do bombeo do Rego, cun novo desbaste previo; e un novo depósito de retención e nova impulsión de Celeiro ata a depuradora de Viveiro.

Ademais, executouse unha nova condución de vertido submarina da depuradora, con 850 metros de lonxitude que, segundo trasladou Ethel Vázquez, está xa completamente construída, conectada ao treito terrestre e en funcionamento, ademais de terse retirado o vello emisario, que estaba deteriorado.

En relación co resto das obras, a conselleira explicou que se atopan practicamente finalizadas, coas conducións e as estruturas xa executadas, e pendentes só de concluír algún forxado, acabados interiores, remates e obras de urbanización e xardinería, ademais da instalación e proba de equipos.

Destacou que, pola información que achegan os responsables das obras, a previsión é que o conxunto dos traballos poida estar completamente finalizado en setembro, polo que considerou unha boa nova que o saneamento da ría de Viveiro e do núcleo de Celeiro poida culminar este verán grazas a un investimento da Xunta de case 8 millóns de euros.

As actuacións de saneamento da ría de Viveiro e do núcleo de Celeiro están cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Feder 2014-2020.

Ethel Vázquez lembrou o esforzo realizado pola Xunta para axudar ao Concello de Viveiro nas súas competencias e solucionar os problemas do sistema de saneamento, o que requiriu moito traballo para a superación dos trámites e para conseguir o financiamento. Por ese motivo, reclamou que cando estas infraestruturas pasen a mans municipais, atopen no Concello de Viveiro a mesma implicación para xestionalas e conservalas de forma axeitada

O conselleiro do Mar, pola súa banda, puxo en valor as actuacións que está a realizar a Xunta en Viveiro para mellorar o saneamento da ría pois contribúen a mellorar a calidade das augas en beneficio do medio ambiente, dos profesionais do sector marítimo-pesqueiro e do conxunto da cidadanía. As obras desenvolvidas neste eido polo Goberno galego desde 2009 permitiron mellorar a clasificación microbiolóxica de preto de 40 zonas de produción de moluscos bivalvos do litoral de Galicia, facilitando así o labor dos traballadores do mar.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...