InicioOccidentalViveiroCarlos Nuevo: "O Naseiro evoluciona como todas as festas, mais o lado...

Carlos Nuevo: “O Naseiro evoluciona como todas as festas, mais o lado participativo estase reducindo”

O Naseiro é a festa viveirense por excelencia. Todo o concello, A Mariña e xente doutros lugares de dentro e fóra de Galicia teñen estas datas como unha referencia anual como festas do verán. Carlos Nuevo, cronista oficial de Viveiro, describe brevemente a historia dunha celebración que naceu sendo unha maneira de convivencia entre veciños até ser hoxe un "espazo humano" con vida "urbana" propia.

Publicada o

- Advertisement -

-Por que se lle chama Romaría do Naseiro?

A Romaría do Naseiro é a máis recente, a máis nova, de todas as romarías de Viveiro celebradas durante o verán, mais non se sabe cal é a data exacta do seu nacemento. Sobre o nome, a orixe está no topónimo, O Naseiro, un lugar situado na parroquia de San Pedro de Viveiro, na beira do río Landro. O nome vén da palabra “nassario” e á súa vez da palabra latina “nassa”, o aparello de pesca. Todo isto fai referencia á pesca do salmón, dos reos, da anguía e doutros peixes tanto de río como de mar, pois o río Landro era navegable até máis arriba da poboación de Landrove antes da construción da Ponte da Vía. Isto mudou a cantidade de auga que entraba na ría.

-Sábese cando comezou esta romaría e os motivos que a crearon?

Non estamos certos de cando comezou. Escribín un libro titulado O Naseiro, de onte a hoxe, que fala da festa e da súa evolución durante os anos. Si sabemos que a mediados dos anos 1920s, posiblemente entre 1925 e 1926, un rapaz de San Pedro estaba chamado a filas para facer o servizo militar na armada. Este mozo chamábase Manuel Fernández e coñecido como “Xan Rico” e estaba moi preocupado con saír de Viveiro e ter que ir para Ferrol, Cartagena ou o destino que fose. Entón, deixouse levar por unha señora chamada María Antonia “A Sabela”, que era de Rego de Golpe, tamén en San Pedro quen ademais coidaba da antiga capela de Naseiro. A capela tiña orixe nunha feira, pois Naseiro antigamente fora unha feira de gando que a finais do século XIX comezaba a esmorecer e a comezos do XX, entre 1906 e 1907, fixeran unha romaría para revitalizala nun momento de decadencia mais na seguinte década a feira estaba en decadencia. Tempo despois “A Sabela” seguía coidando a capela cando xa non había feira e o templo estaba en mal estado pois non había medios económicos para facelo. O único que se facía, á parte de abrila de cando en vez, era unha novena anual o 20 de setembro adicada á Virxe da Pena de Francia, a patroa da capela. “Xan Rico” púxose baixo a devoción desta Virxe, ofreceuse a ela pois dicían que era unha Virxe avogosa con asuntos militares. A sorte estivo do lado de “Xan Rico” pois quedou a facer o servizo militar na axudantía de mariña de Viveiro. En agradecemento, organizouse unha romaría con misa e procesión facéndoa coincidir coa novena anual da Virxe da Pena de Francia, o 20 de setembro. A esta procesión asistiron moitos amigos deste rapaz, xente e veciños de Landrove, Chavín e Valcarría, que eran as parroquias máis próximas. Para o outro ano repetiron a festa e xa a partir de aí naceu o Naseiro como tal.

-E a historia de Barro Chavín como fundador do Naseiro?

El non foi o fundador da romaría mais como empresario que era, aproveitouse da festa. Os seus obreiros eran veciños de San Pedro, Chavín e outros lugares ao pé da fábrica. Aí foi cando Barro caeu na conta que a festa tiña moitas posibilidades. Favoreceu a expansión da festa pois el mesmo poñía expositores da súa empresa de Chavín. Foi un protector da festa ‘a posteriori’. Barro nunca convidou aos traballadores a comer nin lles deixara un día para ir á festa, como moito unha tarde o día da sardiñada. O feito real era que as comisóns da festa eran xentes de Chavín, sobre todo traballadores das súas instalacións, e igual lles deixaba cortar uns eucaliptos para poñer o palco, as bandeiras e logo deixáballes unha tarde libre para facer o fin da festa.

-Como chegou a ser nomeada Festa de Interese Turístico Nacional?

O Naseiro, a romaría máis recente das de Viveiro, xunto coas festas de Xunqueira e as de Vieiro coas de Area-Faro, son o final de todo o rosario festivo de Viveiro. Por que aínda sendo a festividade máis recente triunfou deste xeito? Principalmente, porque os veciños da zona de Naseiro coincidía que finalizaban os labores do campo. Entón daquela habíaos que levaban un carro comunitario con comida: patacas, chourizos, sardiñas, chicharros, empanadas, viño e pastelóns e todo tipo de comida. Era pois, unha comida en fraternidade. Comezou a ser unha festa moi querida por xente de Viveiro, porque para os comerciantes da vila era como un descanso para eles, mais era unicamente o domingo de Naseiro. Logo foron aumentando os días. Esta festa estaba idealizada mesmo polos poetas locais, como Noriega Varela que era mestre en Chavín. Durante a II República a comisión de festas sacaba un programa con versos de Noriega, que eran unhas “laudatio” comparando o Naseiro co paraíso. Curiosamente había un lugar ao pé chamado o Paraíso, onde ían as parellas mozas. En tal caso, a festa era vista como un paraíso pois era unha romaría campestre, con manteis no chan antes de que viñeran as mesas. Eran festas de familia porque ían desde os avós até os netos. Logo viñan as grandes bandas de música de Viveiro, Ortigueira xunto con grupos folclóricos, pois unha característica é que O Naseiro sempre estivo amenizado por grupos de gaiteiros, sobre todo no momento culminante dos anos 1960s. Durante a II República, O Naseiro tivo moita sona e aquí viñan traer todo tipo de produtos publicitarios e animais de todo tipo. O máis rechamante viña a Naseiro. Coa Guerra Civil houbo unha paréntese mais a partir dos 1940s a festa retómase e aí foi cando a xente comezou a levar o mellor que tiña, foi a época das ‘Vaixelas de Sargadelos’, eran anos de fame e daquela eran dous días onde se excedía. O Naseiro era coñecido como “A Festa do Bo Comer e Beber”.

-É certo que a Virxe da Pena de Francia xa non é a patroa do Naseiro?

Foi suplantada pola Virxe dos Remedios. O motivo non estou certo, mais a man de José Barro podería estar detrás. El era de Viloalle, en Mondoñedo, e era devoto da Virxe dos Remedios e de aí debe vir o cambio. Nos anos 40 e 50 a cousa xa se dispara e chegan persoas de Ferrol, Pontevedra, León ou Asturias. Chega unha afluencia de xente até o punto de que durante os días de festa en Viveiro só quedaban os gatos e os cans. As persoas durmían no campo da festa. Cando Manuel Fraga era ministro de Turismo é cando se dá o gran paso de crear a Festa de Interese Turístico Nacional. A partir de aí colle unha dimensión enorme. Antes de todo isto pois chegaban xentes de toda Galicia, as orquestras, toda a corte dos milagros, os cegos, os moinantes e todo un conglomerado da Galicia existente. Tamén había actuacións fixas como o Teatrillo de Barriga Verde, que sempre acababa con aquilo de: “acabouse a peseta”. Tamén viña o Circo Imperio e outras novidades como o Monstro de Guatemala, o labirinto de espellos, ou a execución de Chessman, que era a “reprodución” da execución dun asasino famoso nos EE.UU. Facíase nunha barraca simulando a execución na cadeira eléctrica. Todos os anos había unha novidade ou dúas.

-Como eran as mesas naqueles anos?

As mesas eran abertas, ao mellor se cubrían con toldos brancos ou grises en caso de chover. Cando se comezaron a crear as primeiras mesas, tamén pasaban os diferentes grupos de gaiteiros, moinantes e por que eran abertas, nelas cantábase, bailábase e comíase sen parar, e sobre todo eran mesas de visitas constantes, amigos que chegaban e eran convidados ao café, a un viño etc. Hoxe non é así, a cousa cambiou.

-Máis alá diso, sorprende un pouco que logo de oír todo isto os e as propietarias de terreos pasasen a alugar para que os romeiros levantasen as mesas, as cabanas, etc. É como preparar un investimento exclusivo para ir ao Naseiro.

Sempre houbo investimento, mais era pouco, á parte que os máis novos iamos coas familias. Despois ías pasando á adolescencia e comezabas a independizarte. A cousa evolucionou aumentando a feira en número de días. Agora hai días especializados, como é o Día do Polbo, que vén do 1976 até hoxe, había o día do caldo, o dos calos e o da sardiñada e os cabanotes comezaron a aparecer máis tarde. Durante os 1970s apareceron as tendas de campaña con adolescentes que ían por libre. Isto xa se dispara nos 1980s e 1990s creando as cabanas, pechándose e creando unha festa dentro da festa mais segue habendo contacto. Mais iso vaise pechando e mesmo creando rúas. Isto é algo normal pois as festas cambian, evolúen segundo os tempos. Así, a xente maior afeita a un Naseiro participativo e amistoso non lles gusta isto. De feito ese tipo de Naseiro máis participativo estase a reducir aínda que hai familias enteiras asistindo á romaría. Os cambios destes últimos anos trouxeron tamén medidas de seguridade como prohibir plásticos para cubertas polo risco de incendio. Con todo, non podes manter no século XXI unha festa como nos seus comezos, todo cambia e flúe.

-Cres que O Naseiro acabou sendo unha romaría sobordada, moi materializada, facendo unha comparación moi “sui generis”, case como unhas Festas de Nadal, un compromiso?

É a despedida do verán, as persoas volven aos lugares de traballo, xente de Viveiro que non vai estar pois volven á universidade, aos seus postos fóra da cidade, volver ao frío inverno. É como unha despedida, como queimar as naves. Tamén é certo que desde o seu despunte, O Naseiro tivo eses picos económicos con aparcadoiros, cobrar por alugar os terreos, mesmo no franquismo pensaron en expropiar as terras en xustiprezo para evitar estas cousas. Si é certo que hoxe é un negocio como está, as comisións deben ter coidado en manter a esencia das orixes, aínda que a festa está suxeita a cambios. Hoxe en día as sesións vermú nos últimos anos acaban ás sete da tarde, algo que rompe dinámicas do xantar e das actuacións. Aí hai que marcar pautas e non perder totalmente a esencia.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...