O Concello de Viveiro organiza múltiples actividades nesta fin de semana. A programación de eventos destes próximos días inclúe as Festas de Xunqueira, eventos deportivos e culturais, ou a andaina solidaria contra o cancro, organizada pola Asociación Española Contra o Cancro en Lugo.
Hoxe, venres 8 de setembro, comezan por unha banda as Festas de Xunqueira, nas que entre outras actividades haberá verbenas hoxe e mañá sábado, e tamén sesións vermú o sábado e mais o domingo 10. Todo isto desenvolverase no campo da festa de Xunqueira.
O sábado e o domingo terá lugar, pola súa banda, a 4º edición das carreiras de cabalos ‘Cidade de Viveiro’. A partir das 10:00 do sábado no campo de fútbol de Viveiro. Tamén se leva celebrando no municipio dende o pasado martes 5 de setembro o II Torneo de Pádel, que concluirá este domingo día 10.
A XV Marcha ‘Minas da Silvarosa’, pola súa banda, partirá ás 17:00 do sábado 9 dende a praza do Concello e rematará no museo das minas, no monte Pinido. O mesmo día, pero ás 19:30 horas nos xardíns Noriega Varela, terá lugar a representación da obra teatral ‘Os ladróns son xente honrada’, a cargo da compañía A Adala Futura e organizada pola Asociación Centro Comercial Histórico de Viveiro.
O domingo 10 de setembro comezará ás 10:00 ‘Viveiro marcha contra o cancro’, na Fonte de Covas, dende onde os e as participantes percorrerán aproximadamente 5 quilómetros para chegar ata a praza do Náufrago en Celeiro.
Finalmente, ao longo do domingo 10 haberá varios actos de homenaxe do poeta viveirense Carlos Oroza. Primeiro, a presentación do libro recompilatorio ‘Évame’, na sala multiusos do Concello ás 12:30. Ás 19:00 horas na praciña Carlos Oroza, terá lugar a inauguración dunha placa conmemorativa, acompañada por un recital poético, unha actuación musical e outras actividades en lembranza do escritor.